Muros, sede do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia


A Federación Galega pola Cultura Maritima e Fluvial (FGCMF) en asemblea celebrada o 11 de outubro en Cambados, deu a coñecer a sede do que será o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Competían dúas candidaturas, as dúas cunha excelente oferta organizativa e de contido: a que presentaban as asociacións Mar de Muros e Canle de Lira, co respaldo de Esteirana e Mar de Noia (asociación vencelladas a FGCMF) e onde se propoñia Muros como lugar de celebración; e a presentada pola Asociación Maritima de Vilaxoán e a Asociación Rompetimóns de Carril, onde se propoñia Vilagarcía. As dúas candidaturas viñan avaladas polos respectivos concellos, asi como por diferentes axentes socio-culturais.

Para a Xunta Directiva da FGCMF esta dobre candidatura supuxo, por unha parte, unha inmensa satisfacción, porque se constataba o excelente grao de implicación do movemento asociativo de recuperación da cultura marítima e fluvial en dúas comarcas do noso litoral; e por outra parte, víase a dificultade da elección ante os excelentes proxectos presentados. Resultou moi dificil adoptar a decisión final, porque os colectivos que querían organizar o Encontro levan anos facendo un moi bo labor. Porén, o feito de que por primeira vez se celebre un encontro na ría de Muros e Noia sen dúbida vai contribuír a afianzar o movemento asociativo nesa ría e moi posiblemente na zona da Costa da Morte veciña.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que ten como principal finalidade a promoción e posta en valor do rico e variado patrimonio marítimo-fluvial galego e do norte de Portugal, convócao cada dous anos a FGCMF. O primeiro celebrouse en Ribeira en 1993; e a seguir viñeron os de Coruxo (Vigo en 1995), O Grove (1997), Rianxo (1999), Poio (2001), Illa da Arousa (2003), Cambados (2005) e Ferrol (2007). Se no Encontro de Ribeira participaron 24 pequenas embarcacións tradicionais, no Encontro de Ferrol xa foron 175 embarcacións de moi diversa tipoloxía, máis de 1.000 tripulantes de Galicia, Portugal, Euskadi, Irlanda, Açores e do litoral mediterraneo español.
Actualmente a FGCMF está constituída por 42 entidades de todo tipo (culturais, deportivas, veciñais, profesionais, etc.). Na Asemblea do sábado aceptouse o ingreso da última entidade que o solicitou, a Asociación de Enxeñeiros Navais de Galicia. E varias entidades manifestaron xa o desexo de integrarse na Federación.

Na asemblea tamén se analizou a actividade desenvolvida pola FGCMF no 2008. O máis relevante foi a participación o pasado xullo na Festa Marítima Internacional celebrada en Brest, as “olimpiadas” da cultura marítima que desde 1992 se celebran nesa cidade de Bretaña. Este ano houbo cerca dun millón de visitantes, unhas 2.000 embarcacións de 30 paises diferentes e 800 xornalistas acreditados de todo o mundo. Galicia foi unha das nacións convidadas de honra en Brest 2008; e alí desprazouse unha delegación organizada pola Consellería de Cultura e Deportes e a FGCMF, con 150 persoas, deles máis de 90 tripulantes para as 25 embarcacións tradicionais galegas coas que se mostrou o rico e vivo patrimonio maritimo e fluvial de Galicia, á vez que membros da Federación participaron na realización da exposición sobre as nosas embarcacións tradicionais e a importancia do mar para os galegos, que milleiros de persoas puideron visitar no “village galicien”. Acudir a Brest supuxo o maior reto na historia da FGCMF, porque nunca tantos barcos nin tantos tripulantes se desprazaron a Brest ou a Douarnenez, referentes mundiais neste tipo de eventos.

Tamén se aprobou na asemblea acudir ó espazo “Marina Tradicional” do Salón Nautico de Barcelona, onde se mostrará unha parte do noso patrimonio marítimo-fluvial. E aproveitarase para dar a coñecer a noticia de Muros como sede do Encontro, particularmente a asociacións de Francia, Portugal, Andalucía, Pais Vasco, Illas Baleares e Cataluña que adoitan participar nos bianuais encontros da FGCMF.
(Foto Patirar)

Etiquetas

4 cometarios sobre “Muros, sede do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

  1. Corríxase o erro. Quen entra na FGCMF é a asociación de Enxeñeiros navais e non o Colexio Oficial destes.
    Son cousas distintas.
    A miña felicitación para Muros.Serán uns Encontros moi interesantes.

  2. Parabéns pola escolha, temos de desfrutar de Muros antes de que o destrocem como o resto das vilas do litoral

  3. Espero que a nossa Lancha, esteja presente neste encontro…
    “Fé em Deus”

    Um tripulante

    1. A Fe em Deus e os seus tripulantes son sempre benvidos na Galiza.
      Eu vina navegar en Cambados, é fermosa, moi fermosa.

Comments are closed.