O Bernardo Alfageme segue sen atopar o seu lugar

O Faro de Vigo hai uns días publicaba a noticia de que a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) quere cobrarlle ao Concello de Vigo 468 euros ao mes por ter atracado o Bernardo Alfageme no porto. O Concello contestou pedindo a colaboración da APV para que sexa gratuito o amarre.

Este barco do que xa temos falado moitas veces, é protagonista dunha odisea, unha viaxe ao seu fogar definitivo, que polo de agora non parece que vaia rematar. O que si está claro é que as súas condicións neste momento non son as idoneas porque leva atracado no porto dous anos sen o mantenemento adecuado, como se pode observar na imaxe de arriba. Ademais parece ser que corre o risco de que indixentes o usen como vivenda, como xa pasou noutros barcos sen actividade.

O Concello é o propietario legal do barco, e é quen debe decidir que fai con el, pero o Bernardo Alfageme é patrimonio de todos, e sería unha mágoa que finalmente a ferruxe acabara con el despois da considerable cantidade de fondos públicos investidos nel ata agora.

Na ficha correspondente ao Bernardo Alfageme dentro do Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo hai unha relación de noticias de prensa relativas a este barco.

A imaxe de arriba foi cedida por José Manuel Rodríguez

Etiquetas

3 cometarios sobre “O Bernardo Alfageme segue sen atopar o seu lugar

  1. No seu tempo, o actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López, como concelleiro de cultura iniciou o expediente para a rehabilitación do Bernardo Alfageme. Non fixo moito caso dos consellos que de boa fé lle trasladamos. Ao final, o Concello de Vigo pagou preto de 300.000 euros nunha restauración que foi de todo agás emblemática. Pouco sentido ten agora que lle pida un diñeiro por amarre e non teña en conta o seu valor cultural. Non estaría de máis lembrarllo.

    1. O Grave, o realmente grave, é que a ningunha das partes implicadas impórtalle realmente o que pase co barco. Pra eles é sinxelamente unha arma máis pra usar nas súas guerras.
      Moito me temo que este barco acabe seguindo o camiño do finado Campaláns.

Comments are closed.