O estaleiro de Purro volve estar en perigo


A Demarcación de Costas, dependente da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino) acaba de dar dous meses de prazo á Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura para que determine se o Estaleiro de Purro, en Bueu, é un ben inventariable ou merecente doutro tipo de protección. Caso de que pase o prazo e non sexa obxecto de protección será derrubado.

Membros da Xunta Directiva da FGCMF mantiveron o pasado venres unha reunión cos Galos de Bueu e coa directora do Museo Masso para recabar información sobre a situación do estaleiro e prantexar actuacións para lograr a protección desta instalación única en Galicia.
Parece que é necesario un último esforzo para salvar este estaleiro, que puido sobrevivir ata aquí polo traballo feito polos Galos nestes anos e que agora precisa o apoio de todos.

Cando noutras partes de España se laian de que xa non teñen carpinterías de ribeira, ou cando noutros sitios se asume a importancia deste tipo de instalacións, como en Malaga ou Pasaia, aquí ainda hai xente que só ve nelas ruinas. Por sorte tamén hai outros grupos, como Anduxía, que apoian a recuperación de Purro.

Etiquetas