O futuro dos ecomuseos a debate en Muros

O director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera, xunto ao presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial -FGCMF-, Víctor Fernández, e ao o presidente do Comité Organizador do Encontro, Manuel Sendón, inaugurará mañá, xoves 9 de xullo, ás 9.30h. na Casa da Cultura de Muros, as Xornadas Técnicas que se enmarcan no IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

As Xornadas, organizadas polo Museo do Mar de Galicia e centradas nos Ecomuseos e o desenvolvemento sostible, irán orientadas a debater sobre a protección do patrimonio marítimo e natural e a espertar o incremento dun turismo activo baseado na riqueza patrimonial da ría de Muros e da Costa da Morte.

Entre os relatores que estarán presentes pódese destacar a Delphine Grisot, da Federación Francesa de Ecomuseos e Museos de Sociedade; a Graça Filipe, do Ecomuseo de Seixal (Portugal); a Dragana Ratkovic, da Casa della Batana de Rovinj (Croacia), e ao director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera. Xunto a eles tamén estarán diferentes representantes de museos e asociacións da península coma Eusebi Casanellas, do Museo Nacional de Ciencia e Tecnología de Catalunya; Almudena Orjales, do departamento de Turismo Pesquero da Junta de Andalucía; Rafael Serrano Seseta, da facultade de Arquitectura da Universidad de Sevilla; ou Xerardo Triñanes, da Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira.
Máis información no programa

Etiquetas