O Instituto Español de Oceanografía cumpre 100 anos

En 1914 naceu oficialmente o Instituto Español de Oceanografía (IEO). O Instituto foi creado a partir de tres centros de investigación que xa existían aos que se uniron dous novos, o de Vigo inaugurado finalmente en 1917 e o de Canarias. A función principal do IEO foi e segue a ser o estudo dos mares que bañan as costas españolas e específicamente orientado aos problemas da pesca.

Para celebrar o centenario o IEO ten previsto unha serie de actos e actividades en todos os seus centros, así como visitas públicas aos seus barcos de investigación. O centro do IEO en Vigo abriu un blog específico sobre o centenario onde se pode ver información sobre o IEO e os actos previstos en Galicia.

O IEO desde o seu nacemento ten unha notable actividade de investigación que se plasma entre outras cousas en multitude de publicacións científicas, como por exemplo o seu Boletín que se publicou entre 1916 e 2007 e que é unha importante fonte de información histórica sobre a pesca.

Quen queira saber máis da interesante historia do IEO pode consultar o libro de Juan Pérez de Rubín sobre o 90 aniversario do IEO e o artigo de Alberto González-Garcés Santiso e Santiago Lens Lourido sobre a historia do Centro Oceanográfico de Vigo.

(Imaxe: Campaña oceanográfica no Hernán Cortés na Ría de Vigo en 1916. Arquivo IEO)

Etiquetas