Os fondos documentais da Casa MAR van para o Arquivo de Galicia

A Consellería de Cultura ven de anunciar o traslado dos fondos documentais da Casa MAR ao Arquivo de Galicia, xunto con outros fondos relativos á fábrica de Massó en Avilés.
Estes importantes fondos estarán a disposición de todos gracias á intervención do Museo do Mar de Galicia que os salvou (coa colaboración da Asociación de Amigos do Museo) da desaparición xusto antes do derrubamento das instalacións da Casa MAR en Vigo, e gracias, no caso dos fondos de Massó, a unha doazón anónima ao Museo do Mar.

A casa MAR (Motopesqueros de Altura Reunidos) foi un importante grupo de empresas creado en Vigo en 1940 que tiña como obxectivo desenvolver o ciclo total da pesca desde a captura ata a venda ao consumidor, en fresco e salgado. O grupo tiña unha serie de empresas que aportaban todo tipo de suministros relacionados co sector, desde fábrica de xeo a seguros marítimos, fio para redes, cables de aceiro, carburantes, economato, etc.
A sua sede na Ribeira viguesa foi ata o seu derrubamento un dos máis importantes elementos do patrimonio industrial vigués.

Os fondos recuperados son os quedaron despois de varios incendios e inundacións que danaron o arquivo. Neste momento incluen datos sobre empregados, descargas de peixe, control de producción, capturas de bacallao, etc.

Son moitos os fondos relativos ao patrimonio marítimo e fluvial que ainda están en perigo, algúns por simple descoñecemento dos propietarios, e outros porque as condicións de conservación non son as axeitadas. Desde aquí queremos lembrar que os arquivos públicos están en disposición de admitir o depósito ou a doazón de fondos persoais ou empresariais que sexan relevantes para a historia de Galicia. Como exemplo desto temos as 20.000 fotografías de ASTANO que actualmente están no Arquivo do Reino de Galicia, os fondos pertencentes á SECN no Arquivo Universitario de Santiago, ou os de La Artística no Museo do Pobo Galego.

(Foto Almoneda)

Etiquetas