Os traballos a bordo

O traballo máis representativo do mundo do mar, o da pesca a bordo dun barco, será o que peche este xoves 13 de outubro, ás 20.00 horas no Museo do Mar de Galicia, o ciclo sobre o importante e polo xeral infravalorado papel da muller.

Na charla desta semana titulada “Os traballos a bordo” a invitada será Marisa Rei, que traballou embarcada na flota de litoral. A presencia feminina entre as tripulacións dos pesqueiros aínda é cáseque excepcional, e a actividade feminina máis importante nestes buques adoita ser a de biólogas que traballan nas campañas de investigación oceanográfica. Así e todo, hoxendía comeza a ter certa presencia a muller entre o alumnado das escolas náutico pesqueiras.

Esta derradeira charla do ciclo “A Muller e o Mar” contará coa presencia da conselleira de Pesca, Carmen Gallego, que pronunciará o discurso de clausura.

Ó longo das pasadas cinco semanas, as conferencias no museo puxeron de relieve a importancia da muller no eido pesqueiro cando o peixe chega a terra ou cando se traballa á beira do mar, como foi o caso exposto polas mariscadoras de Cambados. Deste xeito, contaron tamén as súas experiencias as estibadoras do Berbés, as conserveiras da Ría de Vigo e mesmo o colectivo de esposas de mariñeiros. Estas últimas encabezan un moi peculiar modelo familiar que funciona a cotío de xeito monoparental agás nas escasas estadías do pescador en terra.