Presentación oficial do VIII Encontro

Presentouse en Ferrol o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. O acto, que contou coa presencia da Conselleira de Cultura, celebrouse o 27 de xuño as 12:30 da mañá, no Edificio Administrativo de Xunta.

“Abrirnos á xente do mar, esa é a finalidade destes encontros que buscan
ademáis receñecer e por en valor o noso patrimonio marítimo”. Deste xeito
resumía a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo os obxetivos que perseguen
os Encontros de Embarcacións Tradicionais que dende o 1993 veñen
desenvolvéndose con caracter bianual en Galicia. A Conselleira loou o
traballo dos organizadores, tanto da Federación Galega pola Cultura
Marítima e Fluvial (FGCMF), como do Club do Mar de Ferrol, “auténticos
protagonistas e artífices, co seu esforzo e vontade, do que en Ferrol
veremos e disfrutaremos”. A celebración conta co apoio da Consellería de
Cultura e Deporte e a súa participación relaciónase co programa “NA
BEIRA08”, que está a percorrer a costa galega amosando as nosas
embarcacións tradicionais.

Co que respecta ao VIII Encontro, conta cunha programación é moi completa,
que abarca dende as regatas entre embarcacións, pasando pola montaxe de
unha grande diversidade de carpas que acollerán museos itinerantes,
obradoiros de oficios artesanais relacionados coa mar, ou tamén visitas
didácticas ás embarcacións, xogos para os pícaros, xantares e músicas
mariñeiras. Ao solpor a música e o cine poñeranlle luz ao luscofusco. Ocio,
deporte e patrimonio misturados para facernos gozar do noso.

Pero non todo vai ser festa, o Barco da Memoria, o Hidria II atracará no
peirao de Curuxeiras para acoller as xornadas técnicas tituladas “Cara a un
novo marco normativo para as embarcacións tradicionais e clásicas”. O seu
obxectivo será dar a coñecer o estado actual de uso e de protección
xurídica que teñen as embarcacións tradicionais e clásicas, os exemplos
doutros países, así como as liñas de futuro que habería que emprender de
cara a un marco normativo común europeo para a conservación e catalogación
das mesmas. As xornadas contan cun crédito de libre elección da
Universidade da Coruña. O prazo de inscrición permanece aberto.

O de Ferrol será o oitavo encontro, antes localidades tales como Ribeira,
Coruxo, O Grove, Rianxo, Poio, Illa de Arousa e Cambados, organizaron baixo
a batuta da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, este evento.
Precisamente foi o seu presidente quen esta mañá recalcou a importancia que
foron adquirindo cos anos estes encontros. Fernando Piñeiro explicou que
“son a maior festa do patrimonio galego, o acto máis importante de estas
características da Península Ibérica e un dos máis importantes de Europa”.
Para probalo non haberá máis que achegarse á Cidade Departamental entre os
días 5 e 8 de xuño e observar como, xunto cos barcos procedentes de toda
Galicia, estarán atracados no peirao, ou navegando pola ría, embarcacións
oriúndas de moitas outras autonomías así como de Portugal, Francia e
Irlanda, e incluso é probable que naveguen barcos italianos e escoceses.

O presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, Amable Dopico,
lembrou a importancia que no pasado tiveron oficios tradicionais como os
carpinteiros de ribeira nunha cidade como a ferrolá onde, dende o século
XVIII, se asentaban os estelerios reais. Dopico, que ademais é enxeñeiro
naval, non quixo deixar de mostrar o seu apoio aos traballos de
recuperación do patrimonio que encontros como este fomentan.

Batuxos, carochos, gamelas, botes polbeiros, dornas ou risóns son tan só
unha pequena mostra do que agocha o patrimonio galego e que se poderá
coñecer no encontro. A xuízo do vicepresidente de A Deputación de A Coruña,
Xaime Bello, “Ferrol é un máis que axeitado lugar para desenvolver esta
actividade habida conta das calidades da súa ría. Son ademais uns encontros
coa memoria de cada persoa, da súa historia, da súa vida”, xa que falar de
Galicia e falar de mar é ao fin o mesmo.
Manolo Santiago, Concelleiro de Deportes de Ferrol, quixo facer unha
invitación pública para que entendidos e curiosos “se achegarse a Ferrol os
días 5, 6, 7 e 8 de xullo,tempo no que a cidade se transformará na capital
galega das embarcacións”.

Etiquetas