Primeiro temporal de outono e moitos barcos sen amparo

Aínda non rematado o verán chegan os temporais, este ano veñen cedo. E volve a preocupación polos barcos que non teñen un lugar seguro para invernar. Son varios os colectivos da FGCMF que a pesar de levar moito tempo buscando instalacións adecuadas para que os barcos estean protexidos, xa sexa no mar ou en terra, non conseguiron unha solución definitiva.

Amigos da Dorna Meca, Amigos da Dorna de Portonovo e os Patexeiros de Sada, teñen solicitado un pantalán para poder atracar en condicións os seus barcos e que sirva ademais como recurso cultural e turístico. Un exemplo das posibilidades dunha instalación similar témolo no pantalán que os Mariñeiros de Bouzas xestionan (abaixo na foto). Este pantalán onde están atracados os seus barcos tradicionais é visitable e na época de verán chega a ter mais de 50 visitantes cada día de semana. Dispoñen de pantalán A Reiboa e o Club do Mar de Ferrol.

Un caso distinto é a ACD Dorna que logo de levar moitos anos loitando por un local onde gardar os barcos no inverno está previsto que dispoña dun lugar adecuado a finais do verán que ven unha vez remate a construción do edificio de usos náuticos. Tamén dispoñen de local propio Lajareu e Sueste, aínda que este último está afectado polo paseo marítimo en construción en Moaña.

Os barcos precisan un lugar de atraque e invernada en condicións. Non só se conseguiría manter en condicións dignas parte importante do patrimonio marítimo galego, suficiente motivo, senón que ademais se conseguirían recursos culturais e turísticos de calidade, cunha rendibilidade social demostrada.

(Imaxe: Meteogalicia e Amigos da Dorna)

Etiquetas

2 cometarios sobre “Primeiro temporal de outono e moitos barcos sen amparo

  1. Primeiro temporal de outono e moitos barcos sen amparo? Arrecarallo, hai que telos de bronce-manganeso pr’a dicir unha cousa así sen envergonharse. É que hai donos de barcos que non amparan os seus barcos cando ven o mal tempo?

    1. Hai donos de barcos que non teñen mais amparo que meterlle o doble de defensas e/ou doble de cabos e cruzar tódolos dedos da man para que non lle rebente nada unha destas…

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *