Purro . Comunicado dos Galos de Bueu

Bueu a 2 de febreiro do 2007
A Asociación os Galos de Bueu informa:

Temos xa rematado o proceso de recollida de firmas a favor da rehabilitación do estaleiro de Purro da banda do río en Bueu. Son 1.373 as que se presentaron hoxe na Delegación Provincial de Costas e tamén se presentarán no Concello, e na Delegación Provincial de Cultura proximamente.
En vista de estes datos a Asociación de Embarcacións Tradicionais os Galos solicitará do Concello unha segunda oportunidade para debatir este tema. Podemos ver que estas cifras son suficientemente representativas, e suficientemente significativas como para ser atendida dita demanda.
Parece tamén claro que o novo debate apremia xa que dita instalación, o estaleiro, está baixo ameaza de derrubo, producida polo paso do tempo e a deixadez de todos nós, xunto co pequeno empurrón que pode apreciarse por parte de Costas.
A rehabilitación do estaleiro é un proxecto aberto, polo que desearíamos ter unha nova reunión dentro do concello para consensuar e debatir o proxecto dos Galos que no seu momento fomos presentando aos diversos grupos políticos e aos veciños.
Aínda que non hai nada definitivo, cónstanos que as administracións están a preocuparse polo tema, pouco a pouco parece que as cousas algo van cambiando. So desexamos que estas indagacións cheguen a bo cauce.
Seguimos pendentes da cita con Costas e da confirmación por parte de Cultura pero empezamos a ser moitos os que albergamos a esperanza de que algún día todos, veciños próximos e habitantes do concello, nos poidamos sentir orgullosos de mostrar aos que nos visitan, aos que pasean polas nosas rúas, ese valioso símbolo da nosa identidade cultural, que por sorte aínda queda en pé a pesares das ríadas e dos temporais, e que para nós é unha parte importante do noso patrimonio marítimo.

Ver tamén:
Portas abertas no Estaleiro de Purro en Bueu (13/01/07)
Máis sobre o estaleiro de Purro (10/01/07)
En perigo o estaleiro de Purro en Bueu (07/01/07)

Etiquetas