Rally La Baule-Galicia. Barcos clásicos

Mañá 16 de agosto partirán de La Baule os barcos que participarán no Rally La Baule-Galicia. Este Rally está organizado por AGABACE e o Yatcht Club Classique de la Rochelle. Está previsto que participen arredor de 15 barcos con esloras entre os 12 e 18 metros. Espérase a chegada desta flota o martes 20 arredor das 9:30 h a Ons, onde serán recibidos por barcos de AGABACE e calquera outro que queira acompañar aos barcos franceses na súa entrada na ría de Pontevedra (Contactar con Manuel García Rodiño). Primeiramente farán unha parada naval diante do paseo marítimo de Marín e logo iran atracar ao Real Club de Mar de Aguete, onde o público poderá velos de preto.

Nos días que permanezan en augas galegas os barcos participarán nunha serie de actividades náutico-turísticas, entre elas a participación na Regata Illas Atlánticas. A primeira destas actividades será a 1ª Travesía Coloniana da Ría de Pontevedra que tera lugar o mércores 21 e que consistirá nun circuíto dentro da ría de Pontevedra fronte aos accidentes xeográficos que se supón foron usados por Colon para nomear outros similares nas súas viaxes a América.

Este é o primeiro froito do traballo feito por AGABACE ao longo de case dous anos para establecer vínculos ente as flotas de clásicos de Galicia e a Rochelle e que está previsto que siga adiante con outros eventos.

Etiquetas