Rematou o XI Encontro

O porto do Freixo volveu á normalidade, Os case 100 barcos tradicionais e clásicos que o ocuparon a pasada fin de semana regresaron aos seus portos. Foron catro días de festa, de volver atopar amigos que ves cada dous anos e de facer novos amigos. Chega o momento de mirar atrás e facer un pequeno balance apresurado do Encontro.

En primeiro lugar desde o Comité Organizador queremos agradecer a acollida do pobo do Freixo, e de todo Outes. A pesar da enorme presión que supón acoller un Encontro sempre tiveron unha boa cara para atendernos a todos. O traballo dos voluntarios foi excelente, cun nivel de compromiso máis alá do agardado e do esixible. Os mariñeiros do porto cederon os seus atraques sen ningún tipo de problema. Os veciños viron restrinxida a circulación de vehículos. O persoal do Concello de Outes traballou fora do seu horario habitual. Foi necesario o traballo de moitos outenses, coa asociación Terra de Outes e a súa Corporación Municipal ao frente, para que o Encontro saise adiante. A todas esas persoas moitas grazas e parabéns polo magnífico traballo feito.

Este ano baixou o número de barcos asistentes. Arredor dun 30% menos de barcos. Pero estiveron case todos os grandes barcos da flota. Desgraciadamente barcos como o Raquel ou o Hidria están fora de Galicia, e outros tiñan compromisos previos. A crise económica tamén conta e moito. Levar por mar ou terra un barco ao Freixo custa unha considerable cantidade de cartos en gasoil. E por último houbo tamén menos barcos porque algunhas asociacións agora dispoñen de barcos grandes que precisan mans que se restan aos pequenos.

Ten moito mérito a presenza no Freixo dos amigos portugueses, coa Fé em Deus e a Santa María dos Anjos. Tamén desde Euskadi veu unha considerable representación: os barcos de Albaola, Euskal Bateleroak e Itsas Egurra Haizean e por último desde Cataluña viñeron o Nena de Lateva e o Menjavent. A todos moitas grazas amigos, sempre é un pracer recibirvos, pero nestes tempos duros ainda máis.

As Xornadas Técnicas serviron entre outras cousas para que Tomas Rodríguez, representante da Consellería de Cultura, Educación e O.U. explicase o proxecto anunciado anteriormente por Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, para darlle a consideración de BIC ás técnicas dos carpinteiros de ribeira. Con tempo falaremos deste proxecto da Xunta porque é unha moi importante noticia que vai supoñer cambios notables no mundo das embarcacións tradicionais.

E o Encontro, e por tanto o Freixo, foi coñecido en moitos países do mundo grazas aos radioafeccionados (ARE) que como xa se fixera en Carril estiveron de forma constante contactando xente de todos os continentes, chegando a facer máis de 3000 contactos.

Son moitas as persoas que traballaron para facer que o Encontro fose un éxito, posiblemente varios centos. É imposible agradecer persoalmente a cada unha o seu traballo, elas saben quen son e o importante que é a achega de cada unha. Desde a persoa que mantivo aberto o edificio do náutico para as reunións de organización antes do Encontro, ás persoas que na imprenta traballaron horas demais para darnos os materiais a tempo, os que nas vallas redirixían o tráfico aturando o malestar dos condutores, os que nas lanchas se preocupaban sen ser vistos, os que montaron e recolleron as mesas e sillas varias veces, os que botaron moitas horas de traballo preparando o seu barco, os que carrexaron materiais, quen botou horas atendendo a tripulantes, en fin, centos de persoas que traballaron sen ter máis recompensa que ver como durante catro días houbo unha festa para compartir o amor polo mar e os barcos tradicionais. A todas moitas grazas. Vémonos no XII Encontro!

Etiquetas

2 cometarios sobre “Rematou o XI Encontro

  1. O Búrbida e mais Javier xa descansan dende esta tarde no seu porto base da Portela-Redondela, despois de dous dias de navegación dende o Freixo.

  2. Parabéns à Federação Galega pela Cultura Marítima e Fluvial, por, mau grado a desgraçada crise que a todos nos avassala, mais uma vez ter realizado com tão assinalável êxito este XI Encontro de Embarcações Tradicionais, em prol da nossa cultura marinheira.
    Assim se defende o património cultural de todo um povo.

    Albino Gomes
    Vila do Conde

Comments are closed.