Rumbo ó Mar de Alborán

Non vos perdades a crónica de Fernando Piñeiro sobre a viaxe que a Federación fixo a Málaga en setembro pasado para participar no II Encuentro de Embarcaciones Tradicionales de Andalucía. Seica pescaron sardiña…

malaga2006

 

RUMBO O MAR DE ALBORÁN.

O encontro dos “Marengos”, dos mariñeiros andaluces, foi todo un exercicio de compartir culturas, tan semellantes e tan diferentes.

Arribamos o xoves pola noite, adiantándonos ó programa, de tal xeito que o venres cando as nosas embarcacións: Buceta, Dorna Polbeira e a Catraia fanequeira, chegaron a Málaga, xa estabamos alí para recibilas. Foi en Pedregalejo, a carón dunha das últimas carpinterías de ribeira que teñen os andaluces o asteleiro Nereo.
Estivemos en familia, rodeados de mariñeiros, como nos gusta estar, sencillamente, ó longo na costa albiscabamos as torres de Torremolinos, Fuengirola ou Marbella, mais nos estabamos ó Leste, no barrio dos marengos de Málaga, alí estaba a “Rosario e Ana” a lancha de xávega que nos visitou en Cambados co resto das súas compañeiras.

Xa o venres cos barcos no mar, sacamos a peza do xeito que levamos para adornar (pobre peza do xeito), para na súa compaña facermos unha demostración de pesca, embarcamos na buceta e a bogar un cabo, alí preto da costa o noso patrón Pardavila largou a peza que non estaba moi enteira, cousa que dende terra non se via, e para que darlle tempo, si era unha demostración, pensou, non acabamos de fumar un pitillo e xa escomezamos a recoller. Sorpresa: unha, dúas, tres …….. ata unha caixa a rebosar enchemos de sardiña, aquilo non estaba no noso guión. Excuso dicirvos como viñeron os andaluces que levaron dúas pezas en bon estado e as tiveron mais tempo no mar. O sabado todo o mundo ceou sardiña.

Empezabamos a sentirnos algo marengos e mais nos sentiríamos cando tivemos que erguernos pola maña do sabado, porque as 06,00 horas AM. largaron a arte de xavega e todos (todos, todos, polo da hora como que non puido ser) dende terra arrastramos para ver o resultado ………. ….. capachos, xureliños, sargos ….. que fartura teñen, e menos mal que se lles soltou un cabo e moito do peixe fuxiu por alí. As fontes co peixe fresco rulaban polas portas do barrio e cheiraba a fritura as nove da mañá, estabamos no almorzo “marengo”.

Todo isto nun clima de amizade que rematou o domingo cando recollemos e puxemos rumbo a Gallaecia, ali quedaron os recordos da Laranha, a Nsa. Sra. da Agonía e a Laberca. Non faltaron gaitas nin sentimento flamenco, a harmonia estivo sempre presente.

(Fotografia de Joan Sol)

Etiquetas