Segue avante o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. O Freixo-Outes 2013

O sábado pasado volveuse reunir no Centro Náutico do Freixo a Comisión Organizadora do XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se vai celebrar entre os a días 11 e 14 do próximo mes de xullo.

O Comité de Dirección deu conta de que xa confirmaron a súa colaboración varios departamentos da Xunta de Galicia (Consellerías do Mar e Educación e Cultura, Dirección Xeral de Comercio) e de que se está á espera das entrevistas con Turismo e a Deputación da Coruña, así como do patrocinio dalgunhas empresas.

Do mesmo xeito, púxose en coñecemento da asemblea a participación no XI Encontro do Grupo de Acción Costeira da comarca, GAC4, que achegará actividades relacionadas co marisqueo e coa gastronomía, basada esta na elaboración dos produtos mariños da contorna en colaboración coa hostalaría do concello.

A asociación cultural Terra de Outes adiantou parte do programa cultural que está a perfilar: a publicación dun número extraordinario da revista homónima e actividades diversas relacionadas coa literatura, o teatro, a música, a danza e a fotografía.

A asociación Xente de San Orente achegará obradoiros artesanais de sombreiros sancosmeiros, encaixe, coiro…, que se sumarán aos de cestería e barro que aportará o Centro Ocupacional de Valadares e á mostra de artesanía que organizará a Asociación Galega de Artesáns.

Pola súa banda, a asociación de veciños do Freixo O Peirao integrará a festa de San Benito na programación do evento e fornecerá as actuacións musicais da primeira xornada do Encontro.

Así mesmo, os equipos de traballo das áreas correspondentes informaron da inminente posta en marcha da páxina web do XI Encontro e do deseño dos roteiros de navegación, atraques e exhibición das cento cincuenta embarcacións tradicionais que se darán cita no porto do Freixo.

Finalmente, o Comité expresou o agradecemento ás administracións e entidades da bisbarra, concellos e confrarías, que achegarán a súa axuda co préstamo de elementos dotacionais e infraestruturas.