Traballando nos barcos

Hai bo tempo, o aire empeza a secar e chega o momento de preparar os barcos para navegar. Todos os membros da FGCMF están xa traballando a bo ritmo para ter os barcos listos, sobre todo para o X Encontro.
Amigos da Dorna Meca empezou os traballos no racú e na Meca. A ACD Dorna traballa nos barcos grandes e nas dornas, e pronto a xeiteira irá ao mar, onde xa está a Irmandiña, que este fin de semana sairá navegar. Mariñeiros de Bouzas teñen adiantado moito traballo, e empezarán as saídas dos mércores o 4 de maio, onde calquera interesado pode formar parte das tripulacións.
Os anfitrións do X Encontro, Rompetimóns, están a darlle os últimos retoques ao seu novo galeón, o Illa de Cortegada.
A Ostreira de Abelleira está na fase final do seu galeón, e o CM A Reiboa acaba de botar a súa nova dorna de tope.
E no norte Os Patexeiros traballan arreo para poder asistir coa Balbina, o seu patexeiro, ao X Encontro.
Estes que citamos non son os únicos que están traballando duro, e pronto veremos as rías cheas de barcos tradicionais

(Foto: dando patente en Bouzas)

Etiquetas