Un cachalote no Museo do Mar

Mañá xoves 21 de novembro ás 19:00 h terá lugar no Museo do Mar de Galicia a presentación de “O cachalote de Sanxenxo. Historia dun varamento“.

O elemento principal deste evento é a presentación do esqueleto dun cachalote que varou no ano 2003 na praia de Montalvo (Sanxenxo). O cachalote (Physeter macrocephalus) era unha femia de 10 metros de lonxitude que estaba preñada no momento do varamento. O CEMMA foi o encargado de retirar os restos do cachalote, estudalos, tomar mostras e finalmente procesalos para poder recuperar o esqueleto limpo, o que entre outras cousas implicou enterralos 33 meses.

Acompañando ao esqueleto haberá unha serie de paneis explicando todo o proceso seguido polo cachalote desde o varamento ata a súa chegada ao Museo do Mar.

Para facilitar o coñecemento deste novo elemento do Museo vai haber xornada de portas abertas durante esta fin de semana.