Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth M. Anderson. Exposición


Está aberta ata o 28 de febreiro na Fundación CaixaGalicia na Coruña a exposición Unha mirada de antano, con case 600 fotografías de Galicia feitas por Ruth Matilda Anderson en 1924 e 1926.
Ruth M. Anderson foi enviada á Galicia pola Hispanic Society de Nova York para fotografiar elementos culturais e humanos que caracterizaran a Galicia, e tamén para comprar fotografía de outros autores que coincidise cos obxectivos da viaxe. Percorreu moitos pobos e vilas tanto da costa como do interior usando todo tipo de transportes.
Da súa estadía en Galicia quedaron case 6000 fotografías de moita calidade artística pero sobre todo cun enorme valor documental. A fotógrafa escolleu como tema moitos elementos da cultura galega que estaban en trance de desaparecer debido á modernización do pais que se producíu nos anos vinte e trinta. Xunto coas fotografías tamén deixou moitas anotacións documentando con detalle cada unha delas.
O mar está entre os temas escollidos, tanto no aspecto puramente pesqueiro ou de tráfico de mercancias e persoas, como en elementos constructivos como portos, faros e sobre todo casas mariñeiras.
A foto de arriba é de Esteiro, onde podedes ver galeóns e pataches varados coa marea baixa, a seguinte é sacada no Ézaro e nela podedes ver un grupo de mulleres traendo á terra a arte, e a última está sacada no porto de Vigo e nela podedes ver dúas dornas mecas do Grove, e o que parece unha pequena traineira.
Paga a pena unha visita demorada á exposición, pola calidade intrínseca das fotografias e sobre todo pola cantidade de información que nelas hai, pensade que están reveladas nun formato bastante grande. Esta exposición xa estivo en Lugo e logo da Coruña visitará outras cidades galegas.

Etiquetas

Un comentario sobre “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth M. Anderson. Exposición

  1. Moi interesente Xaquin. Eu xa posuia bastantes fotos e Ruth, sobre todo da miña comarca, pero tentarei achegarme esta semana A Coruña para ver a exposición.

    Apertas

Comments are closed.