Unha tese sobre as carpinterías de ribeira galegas

Recentemente o arquitecto Óscar Fuertes defendeu a súa tese de doutoramento “Las carpinterías de ribera en Galicia: la recuperación de sus arquitecturas” na ETSA da Universidade da Coruña. A tese estuda a arquitectura dunha serie de carpinterías de ribeira galegas caracterizadas por estar construídas principalmente en madeira.

Logo dunha introdución sobre a construción naval en madeira e as carpinterías, o autor fai un estudo individualizado de 12 carpinterías que lle permite extraer unha serie de características comúns. O construtor das carpinterías era o mesmo carpinteiro de ribeira, coñecedor das necesidades e das posibilidades da madeira, sempre traballando cunha gran economía de medios. As carpinterías tiñan unha localización similar: a cuberto dos ventos, cun bo fondeadeiro, na beiramar e preto dunha vila costeira, perpendiculares ao mar, con grandes espazos diáfanos e grandes aberturas.

O autor conclúe que hai un trasvase tecnolóxico entre as técnicas da construción naval e as técnicas construtivas das carpinterías. Este trasvase pode apreciarse na concepción, na posición das pezas das estruturas, nas ensamblaxes e nos cerramentos finais.

Por último o autor suxire as liñas principais que se deben seguir para abordar unha recuperación integral destas 12 carpinterías que forman un notable conxunto de bens pertencentes ao noso patrimonio marítimo.

Parabéns ao autor por este traballo que ven cubrir un aspecto do patrimonio ata agora non estudado.

(Imaxe: Óscar Fuertes)

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *