Valentín Paz Andrade. Un home de mar en terra

Valentín Paz Andrade é o homenaxeado este ano no día das letras galegas. Hai moitas fontes de información sobre o súa figura, sobre o seu traballo e sobre o seu legado. Nós desde aquí queremos lembrar que foi un home de mar, non dos que andan embarcados, pero si dos que desde moi cedo tivo o mar no centro da súa vida.

Era avogado e xornalista, e foi o seu traballo de avogado o que o levou a ter contacto co mar nos anos 20 e logo xa nunca deixou de telo. Como mostra da importancia que o mar tivo na súa vida e da que a súa vida tivo no mar basta decir que foi desde 1942 ata a súa morte en 1987 o director de Industrias Pesqueras, posiblemente a revista decana da prensa profesional da pesca no mundo actualmente, e que foi unha das persoas que axudou a levar adiante o proxecto de Pescanova, entre outras moitas actividades relacionadas coa pesca.

A continuación transcribimos uns fragmentos do libro Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX de Tucho Calvo, unha conversa/autobiografía do autor con Paz Andrade. Recomendamos a lectura deste libro para coñecer de primeira man a un dos testigos do século XX en Galicia e no mundo.

-¿ Como foi que se produciu o seu achego profesional ao mundo do mar e da Pesca?

-No decenio dos vinte, a que fora Vila de Bouzas chegara a ser porto de base da primeira frota de parellas de España. O vello ancoradoiro dos faluchos, que no fin do século pasara da vela ao vapor, comezaba unha terceira etapa: a da propulsión Diesel nos barcos. A sombra da industria matriz, tambén a naval, primeiro en madeira e despois en aceiro, entraba en fase de crecemento. Ao mesmo tempo madurecera o proceso de promoción social, polo que mariñeiros ou patróns de pesca se converteran en armadores de buques.
Os armadores viñan corporativamente vinculados nunha sociedade nomeada «La Marítima». No seu seo tratábanse non somente problemas do mar, da frota e do peixe. Tambén se abordaban os asuntos de réxime local, como a obra dun novo camposanto ou a organización das festas do Cristo dos Aflixidos. As deliberacións dos patrucios do mar todas se facían en galego.

Nunha das súas xuntas acordaran contratar os oficios dun avogado para asesorar a sociedade. E foi Víctor Montenegro Feixóo, entón presidente, a persoa que me procurou para me confiar o cargo.
Aquela relación comezou o 1.° de abril de 1927 e durou até que a sociedade foi absorbida polo sindicalismo franquista.

…..

-Imaxino que da prevalencia que outorgou como togado ao sector pesqueiro derivarían outras implicacións ligadas ao mar.
-Non esqueza que, de primeiras, fun xornalista. Sempre fixen simultáneas, e até concomitantes, a pluma e a toga. Cando fun descubrindo que o mar é outro mundo, aínda con maior fascinio que a terra para a sede de coñecemento humana, non puden furtarme ao novo poder de atracción. Maiormente, sendo a miña terra unha Illa inacabada, montada aos peitos do Atlántico. O canal magno da civilización occidental.

-Mais coa predisposición non abonda. ¿ Que feito ou feitos obraron concretamente ata o converter nun especialista na materia?
-No mesmo mes da miña incorporación como letrado ao grupo social dos armadores de Bouzas, José Barreras Massó, presidente dunha tambén disolvida «Asociación General de Industrias Pesqueras y sus Derivadas», lanzou en Vigo a primeira revista técnica do sector. Teño para min que influíu na súa iniciativa o feito de que, un ano antes, René Moreaux lanzara en París: «La Péche Maritime». Esta e «Industrias Pesqueras» son, da súa especialidade, as máis antigas de Europa, e penso que tambén do mundo.

…..

-¿E sería daqueles contactos que sairía o seu vínculo ao novo proxecto?
-Na alta primavera do 1960. Certa mañá, José Fernández López algunha cousa tiña a me falar. Cando entrei para saudalo e nos sentamos a falar, mentres Álvaro entraba e saía desde o escritorio contiguo, o xefe destapouse comigo en palabras que máis ou menos viñan dicir: «Vexo pola revista que estás loitando, sen que ninguén te escoite, para que a frota pesqueira se tecnifique e modernice. Estou disposto, con algúns amigos e consocios, a fundar en Vigo unha empresa armadora, diferente das que hai. Que arme buques de maior porte, que os buques conxelen a bordo a totalidade das capturas. E non para seguir pescando no Grande Sole ou na costa do Senegal, senón nos caladoiros pouco ou nada explotados da meseta continental arxentina». A idea, de entrada, semellaba audaz, mais ben concibida. Mostreime disposto a participar na execución e fiquei integrado no equipo fundacional. Nin o consultei coa costela nin coa almofada.

…..

(Imaxe tomada de Legado Valentín Paz Andrade)

Etiquetas