Colectivos

Xa hai 20 barcos inscritos para o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

Nos poucos días que leva aberta a inscrición xa son 20 os barcos que están inscritos para participar en Combarro no XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
Lembrámos que é aconsellable inscribir o barco canto antes para facilitar o labor dos encargados da loxística de atraques.

I "Rejata" Ribeira do Chaso . Illa de Arousa

A ACD Dorna organiza o vindeiro luns de antroido, 27 de marzo, a I Rejata Ribeira do Chaso. Esta vai ser unha "rejata" moi especial.

Regata de inverno de Lajareu por Barlovento

Os compañeiros de Lajareu por Barlovento veñen de facer público o calendario da regata de inverno e tamén do resto de eventos que teñen previstos para este ano.

A regata de inverno consta de catro probas que serán os días 25 de febreiro, 11 e 25 de marzo e o 8 de abril. Logo da Semana Santa farán a Regata de Primavera os días 29 de abril, 13 e 27 de maio e o 10 de xuño. O 22 de xullo, nas festas de Ribeira, a Regata do Carme e a primeira fin de semana de setembro, o día 2 unha travesía e xuntanza similar a que fixeron este ano.

Apuntes históricos sobre vela clásica. Charla

O vindeiro día 24 de febreiro ás 19:30 h no salón principal do Liceo Marítimo de Bouzas vai ter lugar unha charla sobre Apuntes históricos sobre vela clásica a cargo de Luís Tourón, vicepresidente de Agabace.
O aforo é liitado polo que hai que confirmar asistencia nos teléfonos 986 232 442, 986 953 020, en info@liceobouzas.com ou a través de Facebook https://www.facebook.com/LiceoMaritimoDeBouzas/, a traves da web http://liceobouzas.com/ en eventos, deixando comentario co número de persoas que asisten.

Aberta a inscrición para o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

Está activo o web do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que vai ter lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2017. Paulatinamente irase incorporando información no web conforme se vaia confirmando.

Neste momento o programa ainda non está pechado e o Comité organizador espera poder facelo público en pouco tempo. Respecto da acollida a barcos e tripulacións, a oferta será similar á doutras edicións, haberá un pavillón e unha acampada gratuítos para pernoctar, e ofrecerase a posibilidade de comer na carpa mariñeira a prezo reducido.

Como Combarro é un pobo cunha gran afluencia turística recomendamos que quen queira pernoctar pola sua conta faga o antes posible a reserva. Tamén recomendamos a quen vaia participar co seu barco que faga a inscrición o antes posible para facilitar o traballo dos encargados da loxística dos atraques.

Avanzan os traballos do Comité organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

O pasado día 28 reuniuse o Comite Organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017, para poñer en común os traballos xa feitos e planificar os que se van facer proximamente.

Neste momento as administracións confirmaron o seu apoio económico e estase traballando xa na disposición de atraques, espazos e demais elementos da loxística en terra, así como nos aspectos relacionados co apartado cultural.

Xa mostraron interese en participar varias delegacións foraneas (Lisboa, Irlanda, Cartagena, etc.) ás que esperamos se xunten varias máis.

O web do Encontro estará activo esta semana, o que permitirá a inscrición de barcos, participantes e voluntarios. Mentres tanto lembramos que está activa a páxina de Facebook

Os estaleiros de Moaña camiño da catalogación


No DOG do venres 13 de xaneiro publicase a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se inicia o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do conxunto dos estaleiros de Casqueiro-Calragho en Moaña como lugar de valor etnolóxico.

Esta é unha excelente noticia. Logo de inumerables problemas para manter en pé os estaleiros ameazados por un paseo marítimo a Consellería de Cultura recoñece o valor patrimonial destes mediante a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Hai que destacar que no croquis que acompaña á resolución contémplanse as anguías de ambos estaleiros como parte dos bens e por tanto protexidas cando se cataloguen definitivamente

A inclusión no catálogo non é automática, ábrese agora un prazo de alegacións dun mes e logo a Consellería deberá nun prazo máximo de 18 meses acordar a catalogación dos estaleiros.

Os nosos parabéns aos compañeiros de Sueste, que levan moitos anos traballando para a salvagarda destas instalacións e da actividade da carpintería de ribeira en Moaña.

(Imaxe: Mariñeiros de Bouzas)

O Museo do Mar de Noia, Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza 2016

O pasado día 3 foille entregado o Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza 2016 ao Museo do Mar de Noia, unha iniciativa da Asociación Mar de Noia. Os nosos parabéns a Mar de Noia por este merecido premio.

O Museo xa é unha realidade, pero pronto disporá dunha nova sede que se vai construir na zona vella de Noia. Este novo edificio vai aumentar moito o espazo dispoñible para mostrar os numerosos fondos cos que xa conta o Museo. Pero o elemento destacable deste museo é a xente que o levantou cun traballo ininterrumpido de 13 anos e as moitas persoas que colaboran desinteresadamente para seguir mellorandoo cada día.

Paga sempre a pena unha visita ao Museo do Mar de Noia, pero agora en Nadal quen se achegue pode ver un magnífico belén mariñeiro e mañá 18 de decembro ás 13:00 h poderá oir o Concerto de panxoliñas a cargo do Coro "Has de cantar" do IES Virxe das Mareas.

(Imaxe: Pedro G. Losada)

Xornadas culturais en Bouzas

Os vindeiros días 16 e 17 de decembro van ter lugar dous eventos na nova sede de Mariñeiros de Bouzas. O venres 16 ás 20:00 h haberá unha charla con D. Isidro Alonso Marcial, "Tesouro humán vivo", organizada pola Asociación Cultural Vila de Bouzas e coa colaboración de Mariñeiros de Bouzas.

O sábado 17 de decembro haberá unha Xornada do patrimonio marítimo, organizada por Mariñeiros de Bouzas. Ás 11:00, 12:00 e 13:00 h haberá visitas guiadas ao pantalán de barcos tradicionais. Pola mañá tamén haberá un obradoiro de pesca infantil. Ás 18:00 h haberá a charla Para que conservar o patrimonio marítimo?. E de 11:00 a 20:00 h estarán abertas as exposicións Os primeiros motores foraborda en Galicia, e Patrimonio do vento e do sal.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia no Culturgal

No marco da pasada edición do Culturgal, dentro das actividades promovidas pola Deputación de Pontevedra e grazas ao apoio do Concello de Poio, presentouse o vindeiro XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que vai ter lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo do 2017.
A presentación estivo a cargo de Joaquín Fabeiro, presidente da C.M A Reiboa, e presidente do comité organizador, Xosé Luís Martínez, concelleiro de Poio, e Manuel G. Sendón, presidente de Culturmar.

Os traballos de organización do Encontro xa van avanzados e cóntase co compromiso económico das administracións similar ao de pasadas edicións. Pronto se activará a páxina web do Encontro, onde se poderán inscribir os barcos e se dará a información necesaria para as persoas interesadas en participar ou simplemente visitar Combarro os días do Encontro para gozar co espectáculo dos barcos navegando e da completa oferta cultural e festiva que supón o Encontro. Mentras non se activa o web pódese consultar a páxina en facebook do XIII Encontro

Distribuir contido