Encontros

Xa hai 20 barcos inscritos para o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

Nos poucos días que leva aberta a inscrición xa son 20 os barcos que están inscritos para participar en Combarro no XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
Lembrámos que é aconsellable inscribir o barco canto antes para facilitar o labor dos encargados da loxística de atraques.

Aberta a inscrición para o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

Está activo o web do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que vai ter lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2017. Paulatinamente irase incorporando información no web conforme se vaia confirmando.

Neste momento o programa ainda non está pechado e o Comité organizador espera poder facelo público en pouco tempo. Respecto da acollida a barcos e tripulacións, a oferta será similar á doutras edicións, haberá un pavillón e unha acampada gratuítos para pernoctar, e ofrecerase a posibilidade de comer na carpa mariñeira a prezo reducido.

Como Combarro é un pobo cunha gran afluencia turística recomendamos que quen queira pernoctar pola sua conta faga o antes posible a reserva. Tamén recomendamos a quen vaia participar co seu barco que faga a inscrición o antes posible para facilitar o traballo dos encargados da loxística dos atraques.

Avanzan os traballos do Comité organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

O pasado día 28 reuniuse o Comite Organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017, para poñer en común os traballos xa feitos e planificar os que se van facer proximamente.

Neste momento as administracións confirmaron o seu apoio económico e estase traballando xa na disposición de atraques, espazos e demais elementos da loxística en terra, así como nos aspectos relacionados co apartado cultural.

Xa mostraron interese en participar varias delegacións foraneas (Lisboa, Irlanda, Cartagena, etc.) ás que esperamos se xunten varias máis.

O web do Encontro estará activo esta semana, o que permitirá a inscrición de barcos, participantes e voluntarios. Mentres tanto lembramos que está activa a páxina de Facebook

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia no Culturgal

No marco da pasada edición do Culturgal, dentro das actividades promovidas pola Deputación de Pontevedra e grazas ao apoio do Concello de Poio, presentouse o vindeiro XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que vai ter lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo do 2017.
A presentación estivo a cargo de Joaquín Fabeiro, presidente da C.M A Reiboa, e presidente do comité organizador, Xosé Luís Martínez, concelleiro de Poio, e Manuel G. Sendón, presidente de Culturmar.

Os traballos de organización do Encontro xa van avanzados e cóntase co compromiso económico das administracións similar ao de pasadas edicións. Pronto se activará a páxina web do Encontro, onde se poderán inscribir os barcos e se dará a información necesaria para as persoas interesadas en participar ou simplemente visitar Combarro os días do Encontro para gozar co espectáculo dos barcos navegando e da completa oferta cultural e festiva que supón o Encontro. Mentras non se activa o web pódese consultar a páxina en facebook do XIII Encontro

Un galeón atraca en Betanzos

Na foto o galeón Punta Pragueira manobra a remo para atracar no Porto vello de Betanzos, onde atracaron en tempos non tan lonxanos goletas e pailebotes. O pasado día 17 de setembro foi a I Xuntanza de Embarcaciólns Tradicionais de Betanzos, o tempo acompañou e permitiu vivir unha fermosa xornada de navegación no rio e de convivio en Betanzos. No blog dos Patexeiros hai uha crónica sobre esta nova xuntanza que esperamos teña continuidade nos vindeiros anos.

XIII Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña

Os vindeiros día 13 e 14 de agosto vai ter lugar a XIII Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña, organizada por Sueste. Este ano a Xuntanza pasa a ter dous días ao tempo que hai varios eventos relacionados desde o sábado previo e por segundo ano forma parte da programación municipal Días de mar.

O vindeiro sábado 6 ás 18 h no estaleiro de Calragho vaise botar o bote Domaio, restaurado por membros da Asociación a partir dun estado inicial moi deficiente.

Xa na semana seguinte os actos serán:

08.08.2016 (Luns)
- Proxección do documental: “Galeóns” do Museo do Mar de Galicia, por Rafael Vilas Otero; ás 21,00 horas, estaleiro de Casqueiro.

09. 08.16. (Martes)
- Presentación da revista “Sueste”, ás 21,00 horas.
ación do grupo “Fiandola”; ás 21,10 horas, estaleiro de Casqueiro.

10.08.16 (Mércores)
- Presentación do libro “Os fillos da fame” de Ismael Ramos; ás 21,00 estaleiro de Casqueiro.
- Recital poético – musical ao mar.

11.08.2016 (Xoves)
- Charla: “Colón, galego”; por Guillermo García de la Riega, biógrafo de Celso García de la Riega, autor da teoría de Colón de Pontevedra; ás 21,00 horas, estaleiro de Casqueiro.

Durante todos os días haberá:

- Portas Abertas nos estaleiros de “Carlagho” e “Casqueiro”. 19,00 a 21,00 horas.
- Exposicións: “Patrimonio do sal e do vento”.(estaleiro de Carlagho). 19,00 a 21,00 horas.
- Exposición de fotografías: “O futuro era inmenso. Terranova anos 50”.

As navegacións serán o sábado 13 mañá e tarde e o domingo 14 só pola mañá. A saída dos barcos está prevista para ás 12:00 e as 17:00 h.

As persoas interesadas en participar co seu barco teñen que cubrir a folla de inscrición e enviala a asociacionsueste@gmail.com. Haberá xantar para os participantes e os que precisen pernotar terán espazo no Albergue Municipal, así como atraques no porto deportivo se precisan chegar o marchar algún dia antes ou despois da Xuntanza. Lembrámosvos que os organizadores precisan saber o antes posible os barcos e tripulantes que van participar para poder arranchar o relacionado coa loxística.

VIII Abelleira Mariñeira

O vindeiro día 6 de agosto vai ter lugar a VIII Abelleira Mariñeira na praia de Ventín (Abelleira) organizada pola AVV A Ostreira e a AC Pontevella.

O programa inclue navegación de Muros a Abelleira, Desembarco pirata, xantar e pola tarde navegacións e actuacións musicais. Os interesados en participar na festa-xantar teñen que anotarse antes do 29 de xullo e pagar polo menos o 50% do prezo. Máis información no 659 986 753.

XX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu

Os vindeiros 29, 30 e 31 de xullo vai ter lugar o XX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu, organizado polos Galos.

Do programa destacamos a charla-coloquio "Feitura e xenero do traxe mariñeiro tradicional" con Andrea Menéndez no Museo Massó o 29 ás 21:00 h, a visita guiada ao Museo Massó o día 30 ás 12:00 h e a largada dunha rapeta na praia da Banda do rio o mesmo día 30 ás 20:00 h e por suposto haberá navegacións o 30 e o 31.

Durante a semana do 25 ao 31 de xullo haberá unha exposición e obradoiros para nenos na Sala Amalia Domínguez, sigraduras didácticas coas asociacións de Bueu e un obradoiro de confeccións de redes no Museo Massó o xoves 28 ás 12:00h

Os interesados en participar co seu barco teñen que inscribirse enviando esta ficha cuberta a galosbueu@yahoo.es

XIV Regata Concentración de Embarcacións Tradicionais Porto de Redes

Os vindeiros 22 e 23 de xullo vai ter lugar a XIV Regata Concentración de Embarcacións Tradicionais Porto de Redes organizada polo Club Marítimo de Redes.

O venres 22 a partir das 17:00 h haberá desafíos barco contra barco. Poida que sexa outra oportunidade para ver o duelo entre o Sauntress e o Abur.
O sábado 23 a partir das 17:00 h haberá regata-concentración. Ás 20:00 entregaranse os agasallos aos participantes e haberá unha paparota, coa actuación de 3DBAND ás 21:30.

IV Xuntanza Patexeira de Embarcacións Tradicionais. Sada

Os vindeiros días 16 e 17 de xullo vai ter lugar en Sada a IV Xuntanza Patexeira de Embarcacións Tradicionais, que organiza a ACM Os Patexeiros.

O programa provisional inclue unha mostra de material de carpintería de ribeira e marítimo, audivisuais, xogos para nenos, etc. Haberá navegacións mañá e tarde e no sábado os quen queiran poderán participar cos seus barcos na procesión do Carme. Asimesmo o sabado haberá xantar e cea para os participantes

Distribuir contido