Xornadas, congresos, etc

Baleação, memória e identidade – Uma perspectiva multicultural

O vindeiro 24 de xullo vai ter lugar nas Lajes do Pico (Azores) o seminario Baleação, memória e identidade – Uma perspectiva multicultural coa presenza de expertos de varios paises, e no que vai participar Dionisio Pereira en representación da FGCMF.
Este seminario está organizado polo Museu do Pico, dentro do Projecto Comunitário Baleiaçor.
Ao día seguinte terá lugar a Regata de botes baleeiros das Ribeiras, 1ª edição da Regata João Baptista Medina. Os que asistiran ao VIII Encontro, en Ferrol, seguro que non esqueceron o bote baleeiro que nos visitou desde o Pico, pola súa fermosura, pero sobre todo pola súa velocidade no mar.

O futuro dos ecomuseos a debate en Muros

O director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera, xunto ao presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial -FGCMF-, Víctor Fernández, e ao o presidente do Comité Organizador do Encontro, Manuel Sendón, inaugurará mañá, xoves 9 de xullo, ás 9.30h. na Casa da Cultura de Muros, as Xornadas Técnicas que se enmarcan no IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

As Xornadas, organizadas polo Museo do Mar de Galicia e centradas nos Ecomuseos e o desenvolvemento sostible, irán orientadas a debater sobre a protección do patrimonio marítimo e natural e a espertar o incremento dun turismo activo baseado na riqueza patrimonial da ría de Muros e da Costa da Morte.

Entre os relatores que estarán presentes pódese destacar a Delphine Grisot, da Federación Francesa de Ecomuseos e Museos de Sociedade; a Graça Filipe, do Ecomuseo de Seixal (Portugal); a Dragana Ratkovic, da Casa della Batana de Rovinj (Croacia), e ao director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera. Xunto a eles tamén estarán diferentes representantes de museos e asociacións da península coma Eusebi Casanellas, do Museo Nacional de Ciencia e Tecnología de Catalunya; Almudena Orjales, do departamento de Turismo Pesquero da Junta de Andalucía; Rafael Serrano Seseta, da facultade de Arquitectura da Universidad de Sevilla; ou Xerardo Triñanes, da Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira.
Máis información no programa

Xornadas Técnicas: Ecomuseos e a posta en valor do patrimonio cultural marítimo

Dentro do IX Encontro van ter lugar as Xornadas Técnicas organizadas polo Museo do Mar, que nesta ocasión van tratar o tema Ecomuseos e a posta en valor do patrimonio cultural marítimo.
Vanse desenvolver os días 9 e 10 e contarán coa presenza de relatores de Portugal, Francia, Croacia, Cataluña, Andalucía e Galicia.
Haberá tradución simultanea, e a inscrición é gratuita.
Para ter información máis completa xunto co boletín de inscrición podedes consultar o programa

A mariña mercante baixo o franquismo. Xornadas


Os vindeiros 2 e 3 de xullo vai ter lugar no Museu Marítim de Barcelona a xornada La marina mercant sota el franquisme.
Estas xornadas pretenden repasar o que supuxo o franquismo na mariña mercante, pero non desde o punto de vista económico, senón desde o punto de vista dos profesionais da mercante.
Vaise prestar especial atención aos aspectos relacionados coa organización do sector, a loita sindical, e os cambios durante a transicion democrática. De Galicia van participar Xosé Manuel Suarez e Dionisio Pereira.

O noso patrimonio marítimo. San Cibrao. Xornadas

Mañán 30 de maio, vai ter lugar en San Cibrao a Xornada O noso patrimonio marítimo.
O evento constará dunha visita á Carpintaría de Ribeira de Fra ás 17:30, que ten unha tradición contructiva de mási de cen anos e onde se explicará como se construían os pailebotes, trincados, etc. Logo haberá unha conferencia de Dionisio Pereira ás 18:30 sobre o tema da xornada no Museo do Mar de San Cibrao.
Esta xornada inscríbese no ciclo Arredor do Mar, organizado por MariñaPatrimonio.
Actualización: Está disponible un album de fotos deste evento cunhas moi interesantes imaxes da carpintería de Fra.

Xornada Técnica de Navegación Tradicional. Sada


O vindeiro día 30 de maio vai ter lugar en Sada unha Xornada Técnica de Navegación Tradicional, organizada pola A.C.Mariñeira "Os Patexeiros".
Será as 11 da mañán na Casa da Cultura, e consistirá nunha conferencia sobre as embarcacións da zona norte, a cargo de Bernardo Máiz e César Bedoya, seguida por unha mesa redonda na que participarán o Capitán Marítimo de Sada, o presidente da AAETG, o director do Museo do Mar de Galicia, e o presidente de Portos de Galicia.
Logo dunha comida na que é preciso apuntarse, haberá unha reunión con xente maior de Sada e debate sobre a retauración do Balbina, un patexeiro de 1944, con visita ao barco e ao paseo marítimo de Sada.
Máis información e inscrición en Patexeiros

Sector naval. Xornadas técnicas e estratéxicas. A Iniciativa Lexislativa Popular en defensa do sector naval


Os vindeiros días 28, 29 e 30 de abril vai ter lugar Sector Naval. Xornadas técnicas e estratéxicas na Escola Politécnica Superior, en Ferrol. Organizadas por Rumbo21 e a Universidade da Coruña, e co apoio da Deputación da Coruña, pretenden facer un repaso ao papel que o sector naval pode xogar no desenvolvemento tecnolóxico e industrial de Galicia.
Xa está disponible o programa provisional, como podedes ver bastante completo e interesante. A asistencia é libre e é preciso inscribirse neste formulario

Rumbo21 é a Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular para reactivar a industria naval galega. Esta iniciativa foi presentada no Parlamento de Galicia a finais do 2008 e pretende achegar máis de 15.000 sinaturas para promover unha proposición de lei de fomento do sector naval.
No seu web poderedes atopar información sobre a Comisión e o texto completo da Iniciativa.

Xornadas sobre arqueoloxía subacuática

Mañán, 7 de marzo, van ter lugar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, as Xornadas sobre Arqueoloxía Subacuática, organizadas pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas e o Museo do Mar.
Farase un repaso ás ultimas intervencións arqueolóxicas na costa galega, especialmente en Rande e en Xove. A asistencia é gratuita.

El patrimonio marítimo como factor de desarrollo. Experiencias europeas. Xornada


O vindeiro día 17 de decembro vai ter lugar no AQUARIUM de Donostia-San Sebastián a xornada El patrimonio marítimo como factor de desarrollo. Experiencias europeas. Está organizada polo servicio Europe Direct de Itsasmendikoi, e por Udalarrantz, rede de municipios pesqueiros vascos, así como coa colaboración de Untzi Museoa , Eusko Ikaskuntza e Albaola Elkartea.
O obxectivo da xornada consiste en analisar o marco europeo da política marítima e as actuacións previstas pola Comisión en materia de patrimonio, así como experiencias exitosas neste ámbito.
Nesta xornada participará Dionisio Pereira cunha ponencia sobre os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

A gastronomía do mar como valor engadido do turismo mariñeiro en Galicia. Seminario

O Centro Tecnolóxico do Mar acollerá o 10 de decembro o I Seminario “A Gastronomía do mar como valor engadido do turismo mariñeiro en Galicia”, un evento que permitirá coñecer as propostas de cociñeiros de prestixio para achegar o mar ao consumidor e as apostas do sector pesqueiro para innovar e diversificar os produtos pesqueiros.

O seminario, que dará comezo ás 9.30 horas e que finalizará as dúas da tarde cunha cata de paté de percebe, enmárcase dentro do proxecto Pesca-Turismo que está a levar a cabo o CETMAR en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia –IDEGA- da Universidade de Santiago. O devandito proxecto, financiado a través do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (INCITE), pretende a definición dun novo modelo turístico baseado no patrimonio cultural e gastronómico das vilas costeiras galegas.

Neste seminario participarán membros de confrarías, mariscadores, representantes de conserveiras, cociñeiros e periodistas, que porán en común experiencias e proxectos sobre as posibilidades da gastronomía como elemento do turismo mariñeiro en Galicia.

As prazas son limitadas e no programa poderedes ver con detalle as intervencións previstas e a forma de inscrición.

Distribuir contido