Noticias

Xa hai 20 barcos inscritos para o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

Nos poucos días que leva aberta a inscrición xa son 20 os barcos que están inscritos para participar en Combarro no XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
Lembrámos que é aconsellable inscribir o barco canto antes para facilitar o labor dos encargados da loxística de atraques.

I "Rejata" Ribeira do Chaso . Illa de Arousa

A ACD Dorna organiza o vindeiro luns de antroido, 27 de marzo, a I Rejata Ribeira do Chaso. Esta vai ser unha "rejata" moi especial.

Regata de inverno de Lajareu por Barlovento

Os compañeiros de Lajareu por Barlovento veñen de facer público o calendario da regata de inverno e tamén do resto de eventos que teñen previstos para este ano.

A regata de inverno consta de catro probas que serán os días 25 de febreiro, 11 e 25 de marzo e o 8 de abril. Logo da Semana Santa farán a Regata de Primavera os días 29 de abril, 13 e 27 de maio e o 10 de xuño. O 22 de xullo, nas festas de Ribeira, a Regata do Carme e a primeira fin de semana de setembro, o día 2 unha travesía e xuntanza similar a que fixeron este ano.

Apuntes históricos sobre vela clásica. Charla

O vindeiro día 24 de febreiro ás 19:30 h no salón principal do Liceo Marítimo de Bouzas vai ter lugar unha charla sobre Apuntes históricos sobre vela clásica a cargo de Luís Tourón, vicepresidente de Agabace.
O aforo é liitado polo que hai que confirmar asistencia nos teléfonos 986 232 442, 986 953 020, en info@liceobouzas.com ou a través de Facebook https://www.facebook.com/LiceoMaritimoDeBouzas/, a traves da web http://liceobouzas.com/ en eventos, deixando comentario co número de persoas que asisten.

VII Congreso TICCIH España. As Pontes

Do 5 ao 8 de xullo vai ter lugar nas Pontes o VII Congreso do TCCIH-España (Comité Internacional para la conservación y defensa del Patrimonio Industrial). Este Sétimo Congreso de Patrimonio Industrial ten como lema "El patrimonio industrial en el contexto de la sostenibilidad: repercusiones medioambientales, paisajes de la industrialización, estrategias de regeneración y turismo industrial”.
Trátase de identificar e debater sobre os problemas de xestión ligados á rexeneración, reutilización e intervención en paisaxes industriais, propoñendo novos enfoques metodolóxicos e casos de estudo. De igual modo son obxecto de reflexión as liñas de investigación existentes sobre as arquitecturas da paisaxe, o turismo industrial, e as estratexias territoriais de valorización e activación do patrimonio.

Programa provisional

Aberta a inscrición para o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

Está activo o web do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que vai ter lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2017. Paulatinamente irase incorporando información no web conforme se vaia confirmando.

Neste momento o programa ainda non está pechado e o Comité organizador espera poder facelo público en pouco tempo. Respecto da acollida a barcos e tripulacións, a oferta será similar á doutras edicións, haberá un pavillón e unha acampada gratuítos para pernoctar, e ofrecerase a posibilidade de comer na carpa mariñeira a prezo reducido.

Como Combarro é un pobo cunha gran afluencia turística recomendamos que quen queira pernoctar pola sua conta faga o antes posible a reserva. Tamén recomendamos a quen vaia participar co seu barco que faga a inscrición o antes posible para facilitar o traballo dos encargados da loxística dos atraques.

O vapor Anduriña

No imprescindible web Vida Marítima publicouse recentemente un post sobre o Anduriña, un vapor de cabotaxe con casco de madeira construído en Vigo en 1944 e que rematou a súa vida nas costas de Inglaterra en 1949.

Este barco é un exemplo dos barcos que se construiron para cabotaxe en Galicia despois de 1939, algúns reformando barcos de vela, e que están esperando que se faga un estudo sobre eles e os homes que os tripulaban.

(Imaxe: Vida Marítima, da colección Jaume Cifré Sánchez)

Avanzan os traballos do Comité organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017

O pasado día 28 reuniuse o Comite Organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017, para poñer en común os traballos xa feitos e planificar os que se van facer proximamente.

Neste momento as administracións confirmaron o seu apoio económico e estase traballando xa na disposición de atraques, espazos e demais elementos da loxística en terra, así como nos aspectos relacionados co apartado cultural.

Xa mostraron interese en participar varias delegacións foraneas (Lisboa, Irlanda, Cartagena, etc.) ás que esperamos se xunten varias máis.

O web do Encontro estará activo esta semana, o que permitirá a inscrición de barcos, participantes e voluntarios. Mentres tanto lembramos que está activa a páxina de Facebook

A Sociedad de Salvamento de Náufragos de Vigo

Dentro da serie "Efemérides do Porto de Vigo" o Arquivo do Porto de Vigo publicou recentemente un número dedicado á Sociedad de Salvamento de Náufragos de Vigo.

A Sociedad creouse en Vigo en 1881, formando parte da Sociedad Española de Salvamento de Náufragos. No ano 1902 Antonio Sanjurjo Badía, o seu presidente, acordou coas autoridades construir unha estación de salvamento no porto sufragada pola Sociedad. Este edifico logo foi usado como sede do Instituto Oceanográfico de Vigo en 1917, Pasando a estación de salvamento a Baiona.

Esta publicación da autoría de Beatríz Bruna, arquiveira do Porto de Vigo, fai a número 39 dunha serie que paga moito a pena ler, pola calidade dos textos e imaxes, e pola diversidade de temas tratados.

Os estaleiros de Moaña camiño da catalogación


No DOG do venres 13 de xaneiro publicase a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se inicia o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do conxunto dos estaleiros de Casqueiro-Calragho en Moaña como lugar de valor etnolóxico.

Esta é unha excelente noticia. Logo de inumerables problemas para manter en pé os estaleiros ameazados por un paseo marítimo a Consellería de Cultura recoñece o valor patrimonial destes mediante a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Hai que destacar que no croquis que acompaña á resolución contémplanse as anguías de ambos estaleiros como parte dos bens e por tanto protexidas cando se cataloguen definitivamente

A inclusión no catálogo non é automática, ábrese agora un prazo de alegacións dun mes e logo a Consellería deberá nun prazo máximo de 18 meses acordar a catalogación dos estaleiros.

Os nosos parabéns aos compañeiros de Sueste, que levan moitos anos traballando para a salvagarda destas instalacións e da actividade da carpintería de ribeira en Moaña.

(Imaxe: Mariñeiros de Bouzas)

Distribuir contido