Destaque lateral

Termo que posiciona o nodo nos destaques laterais da portada

Propostas de futuro para o patrimonio a flote

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo galego. Propostas de futuro para o patrimonio a flote, para facerlles presente aos partidos que concurrían ás eleccións a situación na que está o patrimonio marítimo, e especialmente o patrimonio flotante, o que corre máis risco de desaparecer. Con este informe queremos chamar a atención sobre que o xa feito non é suficiente, que o patrimonio flotante segue a sofrer unhas condicións que non garanten a transmisión ás xeracións vindeiras do que chegou ata nós.

Neste documento propoñemos tres medidas básicas e que nós consideramos relativamente fáciles de levar a cabo. Non son nada que non dixéramos moitas veces en moitos foros distintos. Precisamos unha norma ou mecanismo que permita recoñecer o carácter cultural das embarcacións de interese patrimonial (tradicionais, históricas, singulares, etc.). Precisamos un inventario no que aparezan recollidas e que permita a difusión deste patrimonio e a planificación a medio e longo prazo do traballo tanto das administracións como da sociedade civil. E precisamos por último que nos portos nos que haxa demanda se creen mariñas tradicionais, un lugar específico e adecuado no que atracar estes barcos para que estean protexidos e que poidan ser vistos e visitados por calquera persoa e no que existan as fontes de información necesarias para que esas persoas poidan saber máis deles.

Como recollemos no informe, algúns pasos xa se deron na boa dirección, pero non son suficientes. Queda moito labor por facer.

Nova lei de Patrimonio Cultural de Galicia

 
Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Esta lei introduce novidades considerables respecto do patrimonio relacionado cos ríos e os mares. Ata agora o patrimonio marítimo e fluvial non aparecía de forma explícita na lei. Agora contaremos cunha norma que permitirá avanzar na protección e difusión do noso patrimonio se desde as administracións implicadas se fai o traballo necesario.

Algúns dos elementos do patrimonio marítimo aparecen recollidos en distintos apartados da lei:

  • Dentro do patrimonio arquitectónico a lei inclue arsenais navais, baterias de costa e construcións similares dándolle a consideración de Ben de Interese Cultural aos que fosen construídos antes de 1849. Tamén se incluen neste tipo de patrimonio as pontes, as presas, as canles, os faros, os peiraos e as infraestruturas e os edificios portuarios, que fosen construídos antes de 1901.
  • No patrimonio etnolóxico inclue os batáns, os muíños de río e de marea, as pesqueiras, as fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia.
  • No patrimonio arqueolóxico a lei dispón a inclusión directa no Catálogo de patrimonio dos pecios, os buques, as aeronaves, outros medios de transporte ou calquera parte deles, os seus cargamentos, as estruturas e construcións, os obxectos e os restos da actividade ou presenza humana e os obxectos prehistóricos, de interese para Galicia, que se afundisen con anterioridade a 1901.
  • No patrimonio industrial considéranse incluídos as conserveiras e as instalacións e fábricas da industria navieira anteriores a 1936.

Ademais da protección deste patrimonio físico mencionado, a lei senta as bases de protección do patrimonio inmaterial. Saberes como a carpintería de ribeira, a velería, as técnicas de navegación tradicionais, as técnicas das redeiras, etc. poderían entrar dentro deste apartado. Xunto cos saberes ou tradicións a lei tamén considera necesario protexer os seus produtos e os lugares onde se producen.

A lei incorpora un novo mecanismo de protección, o Censo do Patrimonio Cultural. Todos os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en tanto non fosen declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do Patrimonio Cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores. A lei dispón que a Xunta faga público o Censo nun prazo máximo de dous anos.

Esta nova lei abre a porta á creación dos mecanismos necesarios para protexer e difundir o noso patrimonio marítimo e fluvial. Xa sexa mediante o Censo ou a través da protección do patrimonio inmaterial, ábrese a posibilidade de que as nosas embarcacións tradicionais aparezan formalmente como parte do patrimonio cultural galego, como sucede a partir de agora con gran parte do patrimonio marítimo e fluvial construído.

Imaxe: botadura da Chíscala no Día das Letras na Arousa. ACD Dorna

Comunicado da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) sobre o conflito do Paseo da Seara en Moaña


 
Desde a Federación Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) vemos con preocupación o sucedido recentemente en Moaña relacionado coa construción do tramo do Paseo da Seara que discorre na zona dos estaleiros de Calragho e Casqueiro.

En primeiro lugar queremos mostrar a nosa condena do intento de incendio do estaleiro de Casqueiro e da agresión a un socio da Asociación Cultural Sueste. Son dous actos que ademais de ilegais son incívicos e inadmisibles. Por todo isto queremos mostrar a nosa solidariedade coa familia Casqueiro e con Sueste por estes sucesos.

Por que hai que conservar os estaleiros?
Os estaleiros forman parte do noso patrimonio cultural. Así está recollido no proxecto de lei do Patrimonio Cultural de Galicia que está a tramitarse no Parlamento de Galicia, no que aparecen as carpinterías de ribeira como parte do patrimonio etnolóxico e susceptibles de ser declaradas Ben de Interese Cultural, a maior figura de protección da nosa lexislación.

O feito de ser parte do noso patrimonio xa sería suficiente motivo para a súa conservación, pero ademais son uns recursos valiosos desde o punto de vista social e económico. Socialmente forman parte da historia e a vida da xente de Moaña, son testemuña dun pasado vinculado ao mar, actualmente son parte importante da actividade dunha asociación dedicada á promover a conservación do patrimonio marítimo moañés, e son susceptibles dun proceso de musealización e activación que amplíe o número de persoas que poidan desfrutar deles. Economicamente, poden ser un pequeno motor para diversificar a actividade relacionada co mar con usos como visitas ao museo, cursos de carpintería, mantemento de embarcacións, etc.

Como exemplo similar do proposto para estes estaleiros pode verse en Bueu o taller de Purro, que corría o risco de desaparecer e foi incluído no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia pola Consellería correspondente, e vai ser restaurado para servir como espazo expositivo sobre a actividade dos carpinteiros de ribeira. O interese que a carpintería de ribeira desperta está demostrado polo curso de carpintería e mantemento de barcos que se organiza en Sada e que vai pola súa sexta edición. Fora de Galicia, o Concello de Orio acaba de mercar un vello estaleiro para restauralo e darlle nova vida con actividades expositivas e outras de tipo educativo, buscando a promoción da vila, do seu pasado mariñeiro e da actividade da carpintería de ribeira.

Por que hai que conservar o acceso ao mar dos estaleiros?
O Dr. Arquitecto Oscar Fuertes na súa recente tese de doutoramento sobre a arquitectura das carpinterías de ribeira galegas recolle o acceso ao mar como un elemento común a todas as estudadas por el (entre elas a de Casqueiro). O acceso ao mar é un dos elementos que definen as nosas carpinterías de ribeira. Se se elimina o acceso ao mar estaríase danando de forma irreversible a integridade dos estaleiros de Calragho e Casqueiro.

Danar a integridade dun ben que forma parte do noso patrimonio é algo que vai contra os criterios de todos os organismos con responsabilidades en xestión do patrimonio cultural, desde a UNESCO á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Pero sobre todo, vai contra o sentido común eliminar o acceso ao mar cando existen posibilidades de rematar o Paseo sen danar os estaleiros.

Busca de solucións viables
Desde Culturmar entendemos o desexo de moitos veciños de Moaña de ver rematado o seu paseo marítimo polo que animamos ás administracións implicadas a buscar unha solución razoable a este problema, así e todo tamén entendemos que calquera solución que se propoña ten que salvagardar a integridade dos estaleiros, especialmente o seu acceso ao mar. Dispoñer de dous estaleiros en pleno casco urbano, nun razoable estado de conservación, con acceso ao mar e con actividade de construción e reparación de pequenos barcos é un privilexio que o Concello e veciños de Moaña deben valorar e saber sacar del un rendemento social e económico.
 

(Imaxe: Acceso ao mar dos estaleiros. Patexeiros)

Entrega dos Premios da Cultura Galega 2015

Onte lúns unha nutrida representación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial estivo presente na entrega dos Premios da Cultura Galega 2015 onde a Federación foi premiada no apartado Patrimonio Cultural. Moitos compañeiros non puideron asistir pero na foto hai representación do norte, das rías e de Portugal, xunto con algunhas persoas que levan moitos anos achegando o seu traballo de forma desinteresada á Federación.

O Premio foi recollido por Manolo Sendón, o noso presidente, quen despois de decir que este é un premio colectivo, ao traballo de moitas persoas en 22 anos de continua laboura, manifestou o desexo de todas as asociacións da Federación: un marco legal para as embarcacións tradicionais e unhas mariñas onde os barcos poidan ser coñecidos, apreciados e desfrutados por toda a sociedade. Este vídeo gravado por Juan, de Sueste, recolle o momento da entrega do premio e a intervención de Manolo Sendón.

Este é o texto da intervención:

Intervención de Culturmar-FGCMF no acto de entrega dos Premios Cultura
Galega 2015, na modalidade de Patrimonio.

Autoridades, amigas, amigos: boa tarde.

Ao xurado, grazas por dar avistado o noso ronsel.

1. Recollemos este agasallo en nome de cantas persoas contribuíron e contribúen, de
maneira altruísta, á salvagarda do patrimonio do mar e dos ríos de Galicia: o pequeno
grupo pioneiro que empezou a andaina e as persoas que, en remuda constante, deron
e dan vida á Federación e aos máis de 40 colectivos.

Pero pouco fariamos sen a colaboración do voluntariado e as entidades privadas e
públicas que posibilitan os eventos máis masivos, e sen a memoria viva e o saber das
xentes do mar e dos ríos, as comunidades mariñeiras, os carpinteiros de ribeira e
tantos oficios, hoxe aburados de dificultades.

E compartímolo cos camaradas portugueses que nos acompañan desde a primeiría e
cos demais compañeiros de faena peninsulares e europeos: navegan connosco nas
nosas rías, achegamos embaixadas de noso aos seus portos.

2. Somos unha tripulación que acredita en que Galicia, froito da relación permanente
da xente co mar e cos ríos, foi forxando ao longo da historia unha riquísima e singular
cultura que conforma, de xeito determinante, a obra viva e a obra morta da nosa
maneira de ser e de estarmos no mundo. Que ese tesouro de bens materiais e
inmateriais, e o seu medio natural, non podemos estragalo. E que consideramos un
deber legar aos nosos herdeiros unha cultura marítima e fluvial viva e sostible.

Nesa travesía achegamos o noso quiñón, facemos flamexar as velas para seducir e
espertar a mesma querenza na veciñanza e pulamos por que a Administración adopte
un marco propicio para recoñecer, regular e posibilitar o uso e a posta en valor destes
bens, un fértil recurso cheo de posibilidades.

Neste sentido, queremos lembrar que a flota tradicional galega agarda ansiosa o seu
recoñecemento oficial como ben patrimonial, e que o seu destino non pode ser a
morte nas rotondas, senón unha vida digna nos portos: as mariñas tradicionais,
necesarias para o uso das embarcacións, a práctica da navegación tradicional entre a
xente máis nova e a exhibición pública da fasquía de dornas, gamelas, xeiteiras,
traiñeiras, pataches, patexeiros, racús, galeóns... e tantas outras tipoloxías.

3. Remato xa con dous mandados inescusables das nosas asociacións:
Sabede que non imos arriar velas: seguiremos navegando, con ventos favorables ou
capeando nortadas e vendavais: temos rexos patróns e experimentadas patroas.

E que saibades tamén que as embarcacións tradicionais que nós nos esforzamos en
recuperar e custodiar son un ben colectivo a disposición de todo o mundo; de maneira
que, mirade por onde, tedes barco. Subide a bordo, e gozade da navegación a vela nos
barcos dos nosos devanceiros.

Moitas grazas e venturosa travesía.
 
 

A noticia nos medios:

La voz de Galicia
Radio Obradoiro

Mar de tradicións. Curso de iniciación á navegación tradicional. Portonovo

Amigos da Dorna organiza desde o 3 ao 31 de agosto Mar de tradicións, un curso de iniciación á navegación tradicional. A participación é libre e gratuíta pero as prazas son limitadas, por tanto quen queira participar ten que inscribirse previamente en correo@amigosdadorna.org ou no teléfono 647132552.

Este curso está organizado como un taller de aprendizaxe non formal, que busca a difusión e posta en valor da cultura mariñeira, especialmente das embarcacións tradicionais a través da navegación en dorna e ao mesmo tempo son unhas xornadas de convivencia interxeracional e práctica do deporte, enfocadas preferentemente a mozos de entre 14 e 30 anos, se ben están abertas a tódolos públicos. Esta actividade de formación na navegación tradicional en dorna xa existe desde o ano 2012 cun éxito notable, tanto en número de participantes como na valoración que estes fan do curso.

De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia. Exposición

O mércores 22 de xullo vaise inaugurar no Museo Massó a exposición temporal De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia.

Comisariado por Álex Aguilar e Covadonga López de Prado, o Museo Massó inaugura este novo proxecto que explora un eido pouco coñecido en Galicia: a industria que se desenvolveu en torno á caza da balea, da que a empresa Massó foi unha das principais protagonistas. De feito, o Museo posúe a única colección da industria baleeira existente na Península Ibérica e, moi preto, en Cangas do Morrazo aínda se conserva unha das poucas instalación industriais dedicada a esta actividade que se poden ver en Europa.

O fío condutor da exposición será a progresiva mellora tecnolóxica da que se derivan novas formas de explotación, que permitirá ir dende os inicios da pesca da balea cos vascos ata as factorías galegas como únicos centros de explotación de toda a península. Este último punto será o núcleo fundamental e mais extenso do discurso expositivo.

Conclusións e materiais das Xornadas sobre a Estratexia Marítima para o Arco Atlántico

Xa son públicos os materiais das pasadas xornadas Retos e oportunidades para as embarcacións patrimoniais no cadro da Estratexia Marítima para o Arco Atlántico 2014-20, organizada pola FGCMF, coa colaboración e patrocinio da Consellería do Medio Rural e do Mar e no marco das accións do proxecto Nautismo Espazo Atlántico (NEA2).

Das ponencias e do falado na Mesa redonda extraeuse unha idea principal: temos que facer lobby. O traballo feito todos estos anos por diferentes organismos e asociacións pode render un froito maior se somos capaces de artellar unhas liñas de acción coordinadas e que fagan chegar ás institucións a petición de marcos normativos adecuados e liñas de financiamento para sostelos. Dado que cada vez máis o campo de xogo é a Unión Europea, é importante facer chegar a nosa voz ás institucións comunitarias, como o Parlamento Europeo, onde é posible conseguir apoios para o sostenemento do patrimonio marítimo e fluvial.

As conclusións poden resumirse en:

  • Facer lobby
  • Aproveitar experiencias dos proxectos e estudos abordados anteriormente
  • Liderar Grupo de traballo Cultura e Turismo no Arco Atlántico
  • A construción naval en madeira, unha actividade económica con saber facer tradicional e non unha actividade etnográfica
  • Harmonizar criterios de escolla das EIP's
  • Promover estudos tipolóxicos
  • Implicar ás Universidades
  • Promover titulación específica en embarcacións tradicionais adicadas á pasaxe

Como propostas de futuro considerouse a máis significativa a de activar de novo a Comisión para o recoñecemento das Embarcacións de Interese Patrimonial
como mecanismo para promover a harmonización de criterios para as EIP, os estudios tipolóxicos e a capacitación profesional para as tripulacións de EIP que se adiquen ao pasaxe.

Estes temas puxeronse en común e foron debatidos pola tarde nunha mesa que reuniu a técnicos das deputacións de Pontevedra e A Coruña, das Consellerías de Cultura e Educación e Medio Rural e do Mar, da Dirección Xeral de Mariña Mercante, da Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira, da Secretaría Xeral de Turismo, do Colexio de Enxeñeiros Navais e da propia Federación. Ao remate da Mesa houbo unhas interesantes intervencións do público asistente.

Recomendamos unha lectura demorada e visionado destes materiais porque neles está moito do que vai ser significativo para o patrimonio marítimo e fluvial nos vindeiros anos, especialmente no que respeta a UE no periodo 2014-2020.

Os materiais das Xornadas son:

Distribuir contido