O traballo voluntario do tecido asociativo das entidades que a conforman, é o modelo característico adoptado desde os incios por Culturmar para a realización da maior parte das actividades dirixidas á consecución dos seus fins fundacionais: a defensa, conservación, difusión e fomento social do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia.

De maneira, pois, que unha das principais singularidades do traballo desenvolvido por Culturmar radica en que son os propios socios e socias dos colectivos que a integran os que nutren esa rede de voluntariado, sexa achegando o seu esforzo e contribución aos labores locais e cotiáns da asociación correspondente, sexa participando na organización das actividades enmarcadas dentro do calendario de actividades federativas por todo o país, entre as que salientan:

Actividades de recuperación: reparando e mantendo as embarcacións tradicionais, e outros elementos relacionados coas mesmas, dos diferentes colectivos.

 Actividades divulgativas ou formativas: impartindo charlas; editando, mantendo e distribuíndo exposicións; realizando cursos de navegación tradicional ou de carpintaría de ribeira etc.

Actividades para fomento do uso: colaborando na organización de regatas, xuntanzas…, así coma no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, en numerosos e diversos labores: asistindo aos tripulantes en terra, colaborando nas tarefas de seguridade e salvamento no mar ou atendendo aos visitantes a estes  eventos.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, inscrita no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia co número O-582 desde 2010, vén desenvolvendo proxectos de voluntariado enmarcados nos programas do Servizo de Voluntariado Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado desde o ano 2011.

Conforme vimos advertindo, o principal obxectivo perseguido por Culturmar a través da realización destes proxectos é o da defensa, divulgación e dinamización de forma voluntaria e altruísta do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia entre a poboación en xeral, pero especialmente entre a mocidade: incorporamos mozos e mozas menores de 30 anos de idade a esa rede de voluntariado, na procura de promover o seu interese pola cultura e de acadar un relevo xeracional que dea continuidade á angueira pola salvagarda deste patrimonio, razón de ser da Federación desde a súa fundación en 1993.

Proxecto subvencionado por:

Galeria de imaxes

  • OLYMPUS DIGITAL CAMERA

  • OLYMPUS DIGITAL CAMERA

  • OLYMPUS DIGITAL CAMERA