A crise do bocarte, a debate no Museo do Mar de Galicia.

Finaliza a primeira xeira das Conversas do Axexo cunha mesa redonda sobre a crise do bocarte.

Baixo o título A crise do bocarte, cambio climático ou sobrepesca?, Carmela Porteiro e Edelmiro Ulloa conducirán unha mesa redonda onde cadanseu exporá a súa visión do problema para logo abrir un debate público. A mesa redonda terá lugar o vindeiro martes día 31 de xaneiro as 20:00 no salón de actos do Museo do Mar de Galicia con entrada gratuíta.

Na década dos noventa do século pasado, a pescaría de bocarte no Golfo de Biscaia rendeu unha media superior as 28.000 toneladas por ano. Esta abundancia, xunto co prezo acadado polo peixe e en conxunción ca crise de sardiña, motivou que moitos barcos do ardora galego fixeran a costeira do bocarte que se desenvolve en primavera en augas do Cantábrico. En grande medida, defenderon eses anos grazas ás costeiras de bocarte. Non obstante, a partires do ano 2001 o nivel de novas colleitas de peixe (recrutas ou peixes nados nun ano determinado) caeu a mínimos nunca vistos na serie histórica. Sendo unha pescaría moi dependente destas colleitas anuais, os rendementos caeron de xeito constante, o que levou implícito á adopción de medidas especiais de xestión do recurso. En 2005 só se capturaron 1.152 toneladas.

Esta grande crise, nunca vista anteriormente, é motivo de controversia, xa que logo semella difícil detallar e cuantificar os motivos que propiciaron a mesma

Carmela Porteiro, licenciada en Bioloxía pola facultade de Santiago, é a Investigadora Xefa do Programa de Pescarías en augas europeas do Atlántico do Instituto Español de Oceanografía, sendo tamén membro do Consello Asesor para a Xestión de Pescaría no CIEM (Consello Internacional para a Exploración do Mar), organismo asesor de Bruxelas en materia de pesca, e, dende o ano pasado, membro do Bureau do mesmo Organismo. Como investigadora ten publicados diversos traballos de investigación e liderado campañas de investigación pesqueira.

Edelmiro Ulloa, licenciado en Veterinaria, é o Secretario Técnico para asociacións adscritas á Asociación de Armadores de Vigo (ARVI). Dende o seu posto de secretario, coordina e xestiona ás actividades das diferentes flotas radicadas en Vigo, entre elas a flota de cerco, mantendo contacto cos armadores, administracións pesqueiras (galega, española e comunitaria), terceiros países e centros de investigación entre outros. Ten participado en diversos foros científicos e técnicos relacionados ca flota de baixura, sendo asemade autor e coautor de varios traballos científicos.