O vindeiro mes de maio terá lugar unha nova edición da feira ‘O mar en terra’ no lugar de Terreboredo, na parroquia estradense de Souto. Esta actividade, organizada por Namoreiras, servirá para render homenaxe ao historiador e escritor Xosé Luís Rei Núñez (O Grove, 1960-Pontevedra, 2015) .
O ‘Memorial Luís Rei. Cultura marítima’ desenvolverase durante os días 4 e 5 de maio. Luís Rei foi un recoñecido estudoso e investigador da cultura, da literatura e da historia, nomeadamente das vinculadas á Ría de Arousa. Rei xogou un papel moi importante no movemento de estudo, recuperación e divulgación da cultura marítima e fluvial de Galicia e do Norte de Portugal. Fillo como era dun mariñeiro e mais dunha traballadora da conserva, Luís non puido resistirse ao chamado das súas raíces pois, en verbas do escritor e editor tamén grovense Antón Mascato, “o cheiro ao carenado das dornas, o romrom dos serróns e táboas cepilladas dos remendos nas cubertas, non lle eran alleos”
.
‘O mar en terra’ é unha feira na que se busca conectar o rural interior co mundo do mar a través dunha intensa programación. A feira incluirá charlas, obradoiros, exposicións, debates e presentación de diversos proxectos relacionados co mundo do mar. A feira conta coa colaboración de Culturmar, do Concello da Estrada e de Radio Estrada.
Vencellado a Culturmar
Case desde a constitución en 1993, Luís Rei estivo moi vencellado a Culturmar, destacando axiña como animador do Colectivo Etnográfico Mascato no Salnés e como integrante das sucesivas equipas directivas e técnicas da propia Federación.
Tal e como recolle o ‘Álbum de Galicia‘ do Consello da Cultura Galega, Luís deseñou paneis, dípticos divulgativos e roteiros marítimos polas Rías Baixas. Ideou e foi comisario de exposicións e pavillóns para que a presenza dos barcos da Galicia tivese verdadeiro impacto en citas internacionais como as que se celebraron nos portos bretóns de Douarnenez (2004) e Brest (2008), con títulos como O mar, o barco e mais nós (2003), Patrimonio do vento e do sal (2007) e Galice08Brest (2008). Levou o peso da organización do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais, celebrado en Cambados en 2005, e puxo o seu experto quiñón en moitos outros Encontros anteriores e posteriores.
En recoñecemento a todo ese labor e como homenaxe póstuma, Culturmar editou en 2020, en plena pandemia da COVID, un volume co título de ‘Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima’, en edición preparada por Francisco Fernández Rei e Emilio Xosé Insua. Nese volume aparecen reunidos multitude de artigos, ensaios, propostas de traballo, proxectos expositivos, entrevistas, fotografías e outros materiais de diversa índole. O volume titulado ‘Luís Rei. Crónica de traballos e amizades’, escrito por varios dos seus moitos amigos e amigas, ofrece moitos outros detalles do retrato humano e do perfil intelectual e público de Luís Rei.