Existe un inmenso patrimonio inmaterial común a Galicia e ás comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora, compartido con todo o norte de Portugal, que moitos arelamos que o vindeiro 25 de novembro a Unesco o declare Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Sería o triunfo dunha candidatura de base, impulsada no seu inicio pola asociación escolar “Ponte… nas Ondas”, pero que no seu camiñar foi contando co inequívoco apoio de moi diversas asociacións e institucións galegas e portuguesas, e tamén de varias asociacións e entidades do Eo-Navia, do Bierzo e das Portelas de Zamora.
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) forma parte da Comisión Promotora que leva tempo traballando arreo para divulgar ese patrimonio e procurando apoios para que a Unesco o recoñeza. No 2004 a FGCMF dedicou o nº 6 do seu boletín O Apupo a esta candidatura e, meses despois, o primeiro númera da revista Ardentía dedicouse integramente ó patrimonio inmaterial dos mares e ríos galegos e portugueses miñotos.
En xullo do 2004 a FGCMF acudiu ó porto bretón de Douarnenez, nos días en que se celebraba a gran festa da cultura marítima de toda a fachada atlántica europea, para mostrar unha parte da rica tipoloxía de barcos tradicionais galegos (e portugueses miñotos) e para presentar ese número de Ardentía, con textos en galego e portugués, pero que excepcionalmente nese número se acompañaron de resumos en francés.
No 2005 a FGCMF seguiu difundindo o patrimonio material e inmaterial galego e portugués. O 4 de xuño cruzou o Miño para acudir a Melgaço, onde se celebrou un acto sobre a devandita candidatura, organizado pola Câmara Municipal e a asociación “Ponte… nas Ondas”. A Melgaço levouse a exposición dos primeiros dez anos de vida dunha Federación creada en 1992, que empezou sendo do mar da Arousa para logo acoller asociacións do litoral comprendido entre Burela e Viana do Castelo, ademais de asociacións das cuncas do Miño e Sil. “O mar, o barco e mais nós” é o título desa exposición, o segundo verso do emblemátido texto “Sós” do vangardista poemario De catro a catro de Manuel Antonio, que deu categoría literaria a tantas humildes voces mariñeiras de Rianxo e doutros portos arousáns.
Tamén se levou a Melgaço unha dorna de escarva da Illa da Arousa e o nº 2 de Ardentía, dedicado ós barcos e ás xentes, e que en certo modo foi a carta de presentación do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se celebrou en Cambados entre o 6 e o 10 de xullo do 2005. Este Encontro foi unha demostración da vitalidade do patrimonio material tradicional galego e portugués, particularmente no relativo á tipoloxía de embarcacións e a certos oficios, como o dos cesteiros que están a recuperar patelas e cestos mariñeiros ou o das atadoras, que é como sempre se lles chamou en Cambados ás redeiras, con gran tradición neste porto do costado de leste da ría da Arousa polos moitos barcos de cerco de xareta que nel sempre houbo. Cesteiros, atadoras e diversos artesáns estiveron en vivo mostrando o seu xeito de traballaren e dando explicacións a que se lles achegaba e se interesaba polo seu labor.
Ademais, o Encontro de Cambados foi unha excelente demostración do patrimonio inmaterial, xa que o bo saber de Luis Rei trouxo á vila de Cabanillas os mellores contacontos galegos e excelentes grupos de música tradicional (e de música e danza moderna con raigame popular), así como outros portadores da cultura marítima e fluvial. E alí tamén estivo Santiago Veloso, de “Ponte… nas Ondas” e infatigable animador da candidadura á Unesco da Tradición Oral Galego-Portuguesa. Veu presentar a fermosa revista da candidatura dentro dos actos da Feira do Libro do Encontro cambadés.
Dentro da intensa campaña iniciada a mediados de setembro do 2005 para divulgar ese patrimonio inmaterial e esa candidatura, o pasado 22 de outubro fíxose un acto no Museo do Pobo Galego, en Compostela, con intervención de representantes de varias das entidadades promotoras (Asociación “Ponte…nas Ondas”, Real Academia Galega, o propio Museo do Pobo e a Consellería de Cultura e Deportes, que estivo representada pola Conselleira Ánxela Bugallo). A seguir houbo unha actuación de cantantes e músicos portadores da tradición oral, entre eles xente de Malvela que participara no programa “Embarcados nun cantar” no VII Encontro de Embarcacións; e proxectouse o vídeo da candidatura que no relativo á cultura marítima tradicional contén moitas imaxes dese Encontro de Cambados, sobre todo da arelada navegación que os barcos fixeron na tarde do sábado 9 de xullo, cando xa amainara o duro nordés que nos días precedentes obrigara á maioría dos barcos a estaren atracados ou abarloados nos peiraos de San Tomé e Cambados, e tamén no porto de Tragove, cabo do piñeiral “enraizado nas laxes fendidas da veira do mar” cantado por Cabanillas e onde segue cheirando a resina, fiúncho e marusía na honra do poeta das Irmandades da Fala.
A FGCMF sumouse a ese acto de Compostela inaugurando ese mesmo día, na parte alta do claustro do propio Museo do Pobo, unha exposición do Patrimonio Marítimo, con diversos paneis do patrimonio material e algún do inmaterial, aínda que esta división é moi relativa pois un e outro tipo de patrimonio poden considerarse dúas caras dunha mesma moeda. Esta exposición acompáñase doutra de publicacións da FGCMF (revistas dos Encontros de Embarcacións, Apupos, Ardentías…) e parte dos carteis e dos xornais do Encontro de Cambados.
Os textos dos paneis desta exposición do Patrimonio Marítimo son obra de Dionísio Pereira e as fotos son de Pepe Gondar. Cada panel leva dous pandullos con cadansúa rabiza que tensan os paneis e que á vez lle dan un aquel moi mariñeiro, como ben se ve en www.culturamaritima.org na reportaxe fotográfica que fixo Lino Prieto, presidente da “Dorna Meca”. Son os mesmos paneis que, co mesmo texto en galego, estiveron de marzo a xullo do 2001 na illa de Tatihou con motivo da exposición “Vivir no Atlántico norte”, que viaxara a esa illa da Normandía francesa despois de estar en Reikiavik, Bergen e Compostela. Despois de levar máis de catro anos viaxando dun lugar a outro, en locais moi diferentes (ás veces na rúa como pasou cando estivo en Muros), para así difundir o noso patrimonio marítimo e ensinar a valorizalo, esa exposición agora acouga uns días no Museo do Pobo, un museo pluralista e apartidario, froito de moito amor a Galicia, á súa cultura tradicional e á xente humilde que mantivo esta cultura vehiculada sempre en galego.
Para a xente da FGCMF é unha honra mostrarmos o noso traballo nese museo nacional de Galicia, de innegable relevancia e aceptación social, un museo onde o mar tivo (e ten) unha presenza importante xa desde a súa inauguración en 1977. A primeira sala do Museo do Pobo, situada no refectorio do antigo convento de San Domingos de Bonaval, é precisamente a sala do mar onde se expoñen, entre outros, barcos tradicionais aparellados: unha dorna meca, unha traiñeira e unha “bruta” e fermosa ghamela da Guarda coa súa vela de cor da casca, antecedente das estilizadas ghamelas coruxeiras da ría de Vigo e das “masseiras” de Caminha e doutros portos da costa de Entre-Douro-e-Minho.
Se o 25 de novembro do 2005 a Unesco non recoñece a tradición oral galega e portuguesa como Obra Mestra da Humanidade, despois dunha certa (e lóxica) decepción, pensemos que o intenso labor de base feito para a consecución desa candidatura, e particularmente no que atinxe á FGCMF, non foi traballo perdido, en absoluto.
Estou seguro de que haberá xente que seguirá mergullándose na tradición oral para devolvernos historias de vida de galegos e portugueses (e de eonaviego, bercianos e portelaos), cos seus xeitos de falar, de igual xeito que seguirá habendo quen recolla contos, lendas, romances e tamén música tradicional para devolvela coa maior beleza posible, e os contacontos seguirán a entreternos e facernos rir nese seu galego coidado e á vez popular.
Estou seguro de que en Santiso de Abres, na Asturias de lingua galega, seguirán coa súa festa da malla no verán e co seu magosto cando veña a castañeira, do mesmo xeito que en Vilafranca do Bierzo continuarán potenciando o seu maio-mozo, o único exemplar vivo dos maios humanos galegos, con rapaces que se visten con “cañaveiras ou mazandois”, os populares “maios”, como tamén se chama “maio” o ramo de xesta que o derradeiro día de abril, antes do sol baixo, a xente dos costados do mar da Arousa segue poñendo na porta das casas e nos coches, como antes o poñían nos carros tirados por animais.
Estou seguro de que en Lubián, entre a Portela da Canda e a do Padornelo, seguirán festexando o seu patrón San Mamede coa recuperada tradición do “carro enfeitado”, un carro que se inza de flores e vexetación e que se pasea pola vila coa xente detrás bailando, cantando e bebendo. E iso faise cada 8 de setembro, cando en Muxía e en Rianxo, en Amil e no Cebreiro, na Saínza e na Franqueira e en tantas parroquias se celebran festas e rituais que a igrexa acabou dedicando á Virxe seguramente para cristianizar tradicións populares que, como no caso de Lubián, deben ser anteriores á entrada do cristianismo nas terras da Gallaecia, como o deben ser os ritos dos “maios” que Martiño Dumiense ou Bracarense, alá polo séc. VI; denunciaba como propios de seres infernais.
Estou seguro de que xente das cuncas do Miño e do Sil (e doutros ríos galegos e do norte de Portugal) seguirá recuperando barcas (e a cultura das barcas), que en moitos casos son a base de topónimos como a Barca, de Ibias, á beira do río Navia; e tamén doutras Barcas, como a Ponte da Barca, na desembocadura do Umia en Cambados, ou no norte de Portugal a Ponte da Barca, sobre o río que os galegos chamamos Limia e os portugueses Lima.
Estou seguro de que as moitas asociacións do litoral galego e portugués, integradas ou non na FGCMF, seguirán a recuperar e revitalizar embarcacións tradicionais e toda a cultura marítima, non cunha visión saudosista e folclórica, senón para valorizar a herdanza recibida, engadindo novas e frutíferas achegas desde o traballo mariñeiro de hoxe e de mañá.
E tamén estou seguro que desde comezo do verán e ata ben entrada a primavera de outono, que é como de xeito tan poético os labregos da Terra Chá, da Terra de Montes e doutras terras da Galicia interior denominan a estación do ano que vai da vendima á castañeira como diría Otero Pedrayo, os patróns da Escola de Navegación Tradicional da Illa da Arousa seguirán aprendéndolle a velear en dorna (e en lancha xeiteira) a quen estea interesado na cultura marítima, á vez que lle transmitirán o léxico e os saberes mariñeiros que eles aprenderon no salgado libro do mar e tamén os que aprenderon dos vellos patróns da Illa.
Con ou sen recoñecemento pola Unesco, estas accións e moitas outras que se fan ás dúas beiras do Eo, do Miño e do Sil (e dos portos de Pedrafita e da Canda) son unha garantía para que o inmenso caudal das tradicións orais galegas e portuguesas (e particularmente as nosas tradicións marítimas e fluviais) se recupere, se revitalice e se transmita para gozo noso e das vindeiras xeracións, e asemade poder contribuír a afianzar a nosa identidade neste xeira globalizadora e uniformizadora.
Francisco Fernández Rei
(Grupo Etnográfico “Mascato” de Cambados )