A Pereka gaña por terceiro ano consecutivo a Copa Mörling

Despois de catro regatas intensas, e coa autoridade da Pereka posta en cuestión dende o comezo do circuíto de 2024, a dorna de José Antonio Dorado e Chica chegaba á última regata na Illa coa clasificación xeral moi aberta e con até seis barcos en disposición de levarse esta terceira Mörling. A Fuxe, de Manolo e Brais Parada, e a Nécora, de Braulio García e Adelino Santamaría, eran as máis serias candidatas para dar a badalada no campo de regatas da Illa, mais non foi tal e a Pereka non se deixou sorprender nuns mares que os seus tripulantes coñecen como a palma da man dende cativos.

A Pereka tomou a cabeza xa na saída e a regata acabou sendo un paseo para as dornas locais que coparon os cinco primeiros postos de entrada na meta sentenciando a favor da Pereka a clasificación xeral. A Selosa, de Ramón Pouso e Francisco Dios entrou segunda, a Xarandeira terceira e a Nécora cuarta, posición coa que callaba un excelente ano no campionato galego de dornas a vela e desprazaba no segundo posto da Mörling á Fuxe, a gran animadora dete ano.


A Pereka, que acabou terceira no Sepelo no abrente da Mörling gaño na regata do Salnés pero fixo un sorprendente quinto posto na regata dos Faros do Grove. Reaccionaron os ‘perekos’ na Reiboa en Combarro, volvendo a ser primeiros e na última regata na Illa co que soldaban así de maneira definitiva unha traxectoria claramente dominadora deste circuíto no que un ano máis, e xa van tres, a gran noticia para o noso patriminio náutico segue a ser a gran participación: 48 dornas participaron en total nas cinco probas da Copa Mörling 2024.

Até o ano que vén!