Luís de Nacidas, Luís Pérez Álvarez, foi un mariñeiro de Moaña. Cando morreu deixou unhas memorias escritas en 1983 e que non foron coñecidas ata o ano 2006. Hai pouco esas memorias viron a luz nun libro, Memorias, mi testamento humano y social, preparado no marco do proxecto Nomes e Voces e que foi editado por Corsarias.
As memorias de Luís de Nacidas van desde o seus primeiros anos, nacera en 1916, ata 1943, ano no que regresou á súa casa logo de seis anos preso. Luís deixou este texto para os seus netos. É un documento fermoso e duro, por momentos moi duro, como duro foi o tempo que lle tocou vivir a Luís. É un testemuño de primeira man da vida dos mariñeiros moañeses e por extensión dos de moitos portos das Rias Baixas nos anos trinta. Comeza narrando a súa infancia e os primeiros pasos no mundo do mar, a vida do seu pai emigrado nos Estados Unidos, como con 13 anos se enrola como mariñeiro nunha lancha de 6 toletes por banda que andaba ao boliche, como pouco a pouco vai mellorando o seu traballo no mar, como se espalla a motorización entre a flota, e como tamén se forma un forte movemento sindicalista entre a xente do mar. Son anos de moitas tensións, de conflictos longos e duros.
Chega o ano 36, e Luís de Nacidas, membro do sindicato Solidaridad Marinera vai sofrer a persecución á que se viron sometidos moitos mariñeiros. Convértese en obxectivo dos sublevados e varias veces escapa á morte ainda que non se libra dunha malleira que case acaba con el. Finalmente, prendido, xulgado e condenado a 15 anos de prisión, pasou polo cárcere de Vigo e pola Illa de San Simón para rematar nun penal preto de Astorga.
As Memorias son unha fonte de información importante sobre o mundo do mar nos anos trinta, porque achega datos interesantes, algúns non coñecidos, porque vemos a interpretación que un mariñeiro facía do sucedido naquel tempo e porque nos permite entender como a represión daquel momento fixo que moitas persoas incluso actualmente chegan a pensar que o sindicalismo nunca tivo presenza no mundo do mar galego. Desde a forma de iniciarse no mundo do mar ata os enfrontamentos entre a patronal pesqueira e os sindicatos. Desde a cordelería que montaron os presos de San Simón á relación destes cos presos do Upo Mendi, un cargueiro usado como carcere. Desde a forte solidariedade das pescantinas do Berbés cos mariñeiros presos ata os barcos que se usaban para tirar ao mar os cadáveres dos asasinados. O mar está en cada liña destas memorias.
Luís foi liberado en 1943, logo de seis anos de cadea, voltou á súa vila, seguiu traballando no mar e co tempo chegou a ser patrón de pesca en todos os mares do mundo. Hoxe podemos desfrutar das súas memorias grazas aos seus descendentes que deron o permiso para publicalas. O libro conta con dous interesantes estudos introductorios de Lourenzo Fernández Prieto e de Andrés Dominguez Almansa e Antonio Míguez Macho. O texto das memorias vai acompañado cun amplo conxunto de notas elaboradas por Dionísio Pereira para poñer en contexto o narrado polo autor.
O seguinte fragmento recolle o comezo da súa relación de traballo co mar cando conseguiu traballo como “baldeador” dun bote:
A los 11 años, mis vecinos y alumnos ya suelen alternar el bajar a la playa para limpiar botes y lanchas, a cambio de un buen lote de pescado, el cual vendían, (y como es lógico, los festivos disponían de algunas calderillas, y a veces más de dos pesetas) con las horas de clase, y yo no podía dejar de hacer lo mismo: esto se hacía solamente en los meses de junio a septiembre. Aquí también quedó en mi mente un detalle, fue el siguiente: había un bote muy solicitado por los chavales, pues se dedicaba al trasmallo y pescaba peces muy finos y una vez que llegaba con una pesca muy abundante nos acercamos varios baldeadores ofreciendo nuestros servicios y el sr. «Colillo», patrón y armador del bote llamado «Ni + Ni-» (observemos el nombre) nos dijo: «El que sepa cómo se llama mi bote y además sepa escribir en la arena en gallego “yo le baldeo el bote por una docena de bogas”, estas en diminutivo, ya puede empezar a trabajar hoy y siempre que vaya pescar».
Pues yo escribí con el dedo en la arena esto: «El bote se llama “Ni más, Ni menos”», y, la segunda pregunta escribí así: «Eu baldeulle o bote por unha ducia de boguitas». Como se puede observar yo fui el que ganó el concurso.
(Imaxes: Nomes e Voces e Histagra)