As rutas oceánicas 1750-1800

Este mapa mostra as rutas oceánicas de barcos españois entre 1765 e 1800. O mapa foi feito por James Cheshire no blog Spatial Analysis e os datos están tirados do proxecto CLIWOC, que recolleu e transcribiu datos climatolóxicos dos diarios de navegación de barcos españois, británicos, franceses e holandeses entre 1750 e 1850. Os diarios están cheos de información pero o máis importante é que para cada entrada neles consta a posición do barco nunha data concreta o que permite en moitos casos trazar a súa ruta.

Como se pode ver hai moito tráfico que pon en relación Galicia coas Antillas e o Rio de la Plata. A explicación é que moitos dos datos están tomados dos barcos que facían a liña dos Correos Marítimos entre Coruña e a Habana ou Montevideo e Buenos Aires. O tráfico de mercadurías a través dos Correos influíu moito no tráfico marítimo galego da segunda metade do XVIII. Evidentemente neste mapa faltan moitos barcos españois porque non se conserven os diarios ou porque o equipo de CLIWOC non tivera acceso a eles, pero permite darse unha idea das rutas seguidas polos Correos, e quen teña interese pode usar os datos de CLIWOC para seguirlle a pista a un barco concreto.

Baseandose nos mesmos datos Ben Schmidt fixo unha serie de visualizacións moi interesantes:

A de arriba mostra o tráfico por mes para un ano tipo, e pódese ver como o tráfico depende do mes do ano, e vense cousas como o tráfico estacional que xeraba o mercado de peles entre Escocia e Canadá ou a pesca que os holandeses facían no ártico cada ano. E na seguinte recolle o tráfico de todos os países mencionados ao longo do período 1750-1850.

No blog Statistics and visualisations hai outra visualización dos mesmos datos que permite ver a dirección do tráfico.