A pasada fin de semana tivo lugar en Muros unha nova reunión da Comisión Organizadora do IX ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA que se vai celebrar en Muros entre os días 9 e 12 de xullo.
Estiveron presentes representantes das entidades que conforman a Comisión: membros da xunta directiva da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) das asociacións Mar de Muros e Canle de Lira (concesionarias do IX Encontro) de Xubimar e Praia do Castelo de Muros, do Colectivo pola Cultura Mariñeira de Esteiro, das Confrarías, do Goberno Municipal de Muros, así como o director do Museo do Mar de Galicia.
Deuse conta das administracións que comprometeron o seu apoio económico: Consellería de Cultura-Fundación Deporte Galego, Consellería de Industria (Direccións Xerais de Comercio e Turismo-Xacobeo) Deputación da Coruña (Vicepresidencia e Turismo) Consellería de Pesca. Asemade, informouse da boa disposición de Portos de Galicia tocante ao uso dos espazos portuarios, e do compromiso do Concello de Muros para poñer a disposición do evento infraestruturas, instalacións e persoal.
As Xornadas Técnicas versarán sobre os ecomuseos: a interrelación entre patrimonio marítimo, natural e sociedade. A este fin decidiuse cursar invitacións a algunhas das entidades e especialistas máis sobranceiros a nivel europeo: Federación de Ecomuseos de Francia, Museo Nacional de Cataluña, entidades do Seixal (Portugal) Normandía, Inglaterra, Holanda e Croacia. A participación propia neste congreso, que será validado pola Universidade de Santiago, correrá a cargo dos membros do programa europeo fishernet, do que forman parte as confrarías de Lira e Muros, e de representantes das experiencias de turismo mariñeiro da contorna e Costa da Morte.
Foise concretando tamén o programa das distintas actividades que terán cabida no IX Encontro:
-Exposicións: varias sobre o patrimonio marítimo e as embarcacións tradicionais, maquetismo, fotografía, malacoloxía, motores mariños, vivenda mariñeira…
-Obradoiros vencellados ao patrimonio marítimo e á nosa tradición mariñeira: das palilleiras de Camariñas, de redeiras, de cestería do mar, dos sancosmeiros de Outes, de afumado de peixe, de encascado de redes, de elaboración de nasas, cordas e cabos, de cerámica, etc.
Asemade, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira achegará un stand sobre a súa actividade e unha demostración en vivo.
-Música e espectáculos: contacontos, regueifeiros, concertos musicais,teatro de rúa.
Nomeáronse tamén responsables de distintas comisións: de navegación, atención aos tripulantes e recepción de embarcacións (agárdanse máis de cento cincuenta); de loxística do Encontro e hospedaxes; de gastronomía, etc.
E finalmente programáronse reunións cos usuarios das instalacións do porto de Muros e coas distintas asociacións de Muros e da bisbarra para acordar a súa participación no IX Encontro.
3 cometarios sobre “Avanza o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Muros 2009”
Comments are closed.
Vese que o traballo vai avanzando… E como facer se un quere colaborar nalgunha das comisións?
O mellor é que contactes con Mar de Muros ou Canle de Lira.
Si existe unha Comisión Organizadora, o lóxico será dirixirse a ela.
Manuel Sendón e o presidente non?
E sinon a FGCMF., non forma parte da Comisión?