Bernardo Alfageme. Culebrón con final feliz?


O Bernardo Alfageme, o que ten folio na foto, é un barco construido en Vigo en 1944, e que a punto de ser desguazado foi salvado in extremis pasando a ser parte do patrimonio do concello de Vigo.
E aquí empezou a súa segunda vida. Pensouse nun primeiro momento na súa restauración completa, logo nunha restauración limitada ao seu exterior para exposición en terra. Estes traballos xa están en marcha pero a financiación inicial non é suficiente e agora o Concello, que non quere aumentar o orzamento, solicita do Museo do Mar que se faga cargo do pesqueiro.
O Museo alega que non pode integrar o barco no seus fondos dado que “comería” unha gran parte do seu orzamento.
Deste barco xa faláramos no Apupo 2.
Podedes seguir os avatares do barco a través de Culturagalega
Tamén podedes ver o proxecto da Federación de AA.VV. Eduardo Chao de Vigo, proxecto máis amplo que a simple recuperación do barco.
Actualización: Ademáis do comentario de Pablo Carrera, director do Museo do Mar, podedes ler o proxecto de musealización para o Bernardo Alfageme que menciona Pablo.

Un comentario sobre “Bernardo Alfageme. Culebrón con final feliz?

  1. Crónica dunha desfeita non anunciada

    De primeiras compre dicir que as crónicas do Faro de Vigo amosan sempre unha tendencia ou parte da verdade xunto con erros clamorosos. No caso do Bernardo non ía ser menos (leva un motor Werskpoor, feito/ensamblado en Vigo, e non un Deutz) e algún que outro apuntamento incorrecto máis.

    Acho que non haberá perdices xa que logo o patrimonio ligado a industria non calla na nosa xente nin menos na nosa clase política, sempre un pasiño detrás da sociedade: non deixan de ser ferruxes camiño de mellores destinos. Dicía Jean Marie Bechu, secretario xeral da asociación que xera o Museo da Pesca de Concarneau, que a súa xoia e pola que está máis orgullosa a xente do seu pobo é o Hemerica, un arrastreiro de chapa remachada feito nos anos cincuenta e que foi restaurado grazas a fondos europeos, do Concello e da provincia de Finisterre. É un buque semellante ao Bernardo.

    Eiquí tivéronse oportunidades de facer unha proposta semellante pero non houbo vontade política (nin do Concello, nin da Deputación nin da Xunta, administracións,por certo, polas que pasaron os tres partidos). Agora a recuperación do buque podería chegar aos 600-700 mil euros. Compre facelo?. Unha vez feito, onde deixalo?. De facelo, o seu sería deixalo no Museo do Mar de Galicia e para elo habería que habilita-lo seu peirao (cousa curiosa: facerlle un peirao só por cuestións estéticas e non operativas), cousa que podería levar outros 700.000 euros.

    Os exemplos de recuperación en Europa son bos e os custos de mantemento non son excesivos. Tanto as Consellerías de Cultura, como de Innovación e Industria e a de Pesca así como a propia deputación e mesmo o Concello de Vigo, coñecen e teñen un proxecto para a súa posta en valor no Museo do Mar de Galicia, ligando a tradición pesqueira co desenvolvemento da industria naval: do mestre carpinteiro de ribeira ao enxeñeiro naval. É só unha decisión política, de consenso entre partidos, dirixida polo Concello de Vigo, e o resto das administracións (Deputación e Xunta) deberían comprometerse co mesmo, xa que logo, son poucas as oportunidades de recuperar un ben industrial tan emblemático e tan ligado á historia dun país.

    Pero creo que para o Bernardo xa non hai solución: na fotografía da derradeira crónica do Faro, mirase cómo a cuberta orixinal de madeira, apoiada sobre os baos, é substituída por unha preciosa chapa… soldada. Unha auténtica aberración de difícil volta atrás. Que non presuma o Concello de Vigo de salvagarda patrimonial: é o amo do buque e non fixo nada por acadar un mínimo intento de planificación de actuacións para a súa recuperación, nin cos seus recursos nin por propostas de colaboración con outras institucións ou fondos europeos. Polo menos dous proxectos pasaron pola súa man, o da asociación de veciños Eduardo Chao e o propio do Museo, onde por certo, había xa un compromiso de apoio por parte do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos.
    Para nós, sempre nos quedará o acougo de poder mirar estas testemuñas en outros sitios como Francia, Noruega ou Alemaña, onde si o Patrimonio industrial é apreciado pola xente.

Comments are closed.