Os días 7, 8 e 9 de novembro vai ter lugar en Enkhuizen (Holanda) a Beurs Klassieke Schepen (Mostra de Barcos Clásicos).
Realmente é máis que unha mostra, é un festival onde ademais de poder ver barcos clásicos e tradicionais, hai unha grande exposición de empresas, artesáns e asociacións relacionadas con este sector, proxeccións de cine, actividades para nenos, etc.
No seu web hai abundante información sobre o evento, os barcos e as empresas participantes.
Actualización: copiamos este post e os comentarios no fio do foro Galicia vs. Holanda
11 cometarios sobre “Beurs Klassieke Schepen”
Comments are closed.
Evidentemente: en Galicia temos tanta riqueza como nos Países Baixos -seguramente máis variada- pero fállanos o que agora se chama a “posta en valor” do “noso”, -que seguramente non é noso senón universal, coma o mar- e que se demostra non só no “atraso” das Administracións Públicas con respecto a esta “valorización”, senón, na propia apariencia das nosas embarcacións. Unha ollada ás fotografías que aparecen na páxina web de referencia amósanos embarcacións coidadas e actualizadas, mentres que unha ollada ós nosos barcos tradicionais, non sendo honrosísimas excepcións, non dan esa apariencia. Eso pode facer referencia a ese atraso das Administracións Públicas que non ven o sinal identitario das nosas embarcacións tradicionais; pero tamén pode que ese desleixo fale das nosas propias dificultades para estarmos orgullosos do “noso”. Aínda que, obviamente, nunca podemos esquecer que realmente somos unha sociedade máis atrasada no aspecto cultural que os Países Baixos e aínda nos queda demasiado mar que navegar. Por eso, temos que seguir alentando tódalas iniciativas sociais como a das Asociacións de cultura marítima, o movemento social de cultura marítima, e a Federación , como camiño para ir avanzando, porque non hai outra, nin parece que a vaia a haber.
Imos por partes:
Holanda ten aproximadamente o doble de PIB por habitante que Galicia, a cuarta parte de poboación e a mitade de extensión.
É normal que dispoñan de mais cartos para coidar o seu patrimonio e os seus barcos.
É un pais cunha fonda tradición marítima, e non é falar da Compañia das Indias, é falar das navieras holandesas, de Roterdam, Amsterdam, etc é falar que a navegación interior ainda é un medio importante de transporte.
É falar que moita da riqueza do pais entra polo mar.
Creo que hai que ter claro quen somos. Somos un pais pequeno, sen un estado propio, co 80% da renta media da UE. Nos non somos Holanda (130% da renda UE), nin o Reino Unido, nin Francia.
A administración non fixo moito, pero é que non fixo moito en ningún sector, nin siquera no futbol, ou eso din os equipos pequenos.
A xente que ten barcos tradicionais fai o que pode por conservalos, e normalmente é xente que non ten moitos cartos.
A pregunta é que pasa cos que teñen moitos cartos. Porque aquí unha empresa non contrata unha goleta para facer unha recepción a bordo para clientes ou directivos?
Non sei, habería que facer un estudio serio do tema, con datos científicos. Por agora podemos dicir que son ignorantes, que son papanatas, que son desleigados, etc. Pero non sabemos porqué.
É certo que hai xente con pasta que compra poliester de 30 metros. Poida que sexa moda, poida que no se lles ofreza alternativas, pero volvemos a mesmo, non sabemos que pensan.
Respecto do atraso cultural, eu non estou de acordo, non me vexo mais atrasado. Véxome mais pobre.
Que alguén lle gusten os barcos de madeira non fai que sexa mais adiantado, e tampouco mais atrasado.
Fonda tradición marítima tamén é a de Galicia, con flota pesqueira espallada polo mundo e, aínda que falle no transporte de cabotaxe, ven sendo unha potencia nos cultivos mariños e con pesca costeira importante. Creo que, tamén, na construcción naval. Ou sexa que o mar tamén dá riqueza por aquí e, por exemplo, na zona de Arousa, pesca e cultivos mariños representan un porcentaxe elevadísimo, directo ou indirecto, do movemento económico. Dicir que Holanda é máis rica é dar un dato obvio, pero non é entrar nos por qués. E, obviamente, a cultura marítima tradicional reflicte a historia de Galicia que podemos resumir coas palabras de Staffan Mörling cando fala da cultura dos pobres. En eso non hai dúbida, pero o que hai que afondar e nos por qués. E, sobre todo, en por qué non cambiamos.
Na miña opinión en Galicia, por pura supervivencia, por puro orgullo, o movemento da cultura marítima está a encher un oco vital. Pero non hai estrutura administrativa que o respalde porque non hai conciencia nos gobernantes -que lles falta escola este eido, como nos faltou a todos, non sendo ós que se foron sensiblizando por mor do traballo dos “precursores” neste movemento- da importancia que ten sentirse orgulloso do noso que, no fondo, non é máis que coñecer a nosa realidade. E ó falar de “estrutura administrativa” falo de axuda política i económica- que é o mesmo-. Política porque hai que adoptar medidas regulamentarias para a protección do patrimonio marítimo material e inmaterial e nada se avanza neso ou, só, se ofrecen proxectiños que non se levan a cabo, perdidos na maraña administrativa.Por exemplo: agora que remata unha lexislatura: ¿Qué se fixo neste eido?. Xa ten escrito Fernández Rei algo así como que todos na escola soubemos o que era un cabazo e ata as partes dun carro ou dun arado. Pero ninguén nos fala das partes dunha dorna; e a talasonimia sólo sobrevive, deturpada, nas cartas náuticas. Precisamente porque hai que ter claro quen somos, é necesaria a actuación da Administración Pública no noso eido. Cando España entrou na UE -entonces CE- e, recoñecendo que entrou, só, obviamente, porque tamén era mercado, empezarense a notar os fondos europeos nos sectores que facían rentable ás economías fortes europeas: autoestradas, industrias consumidoras de maquinaria, etc.que precisaban consumidores. Pero nada se fai polo patrimonio cultural -tamén porque é un elemento diferenciador-e, nese nada, xa é un abismo sen fondo no que se refire ó patrimonio marítimo, material e inmaterial: ¿Será porque a cultura propia non representa un mercado de consumo das industrias do núcleo forte europeo?.
A Administración autonómica carece de implicación neste eido porque non percibe a necesidade (¿cómo era aquelo de Castelao da necesidade e o bandullo?) de facer investimento nel seguramente porque a conciencia cultural da poboación aínda non é quen de valorar esta cultura dos pobres e aínda ten a mentalidade da necesidade de sobrevivir.
Veñen eleccións , máis ou menos, para marzo. Considero imprescindible – seguramente a xeito do Manifesto dos de Esteiro- facer un posicionamento claro de cara as forzas políticas para intentar que os obxectivos do movemento da cultura marítima estean presentes nos programas electorais como único camiño para que se coñeza popularmente este movemento e os fins de seu e para que durante o próximo mandato haixa compromisos que cumplir por parte das forzas políticas que son as que teñen a chave económica. Ten que haber unha protección das construccións novas de barcos tradicionais e da construcción tradicional -que se debe modernizar e adaptar ós tempos actuais-, ten que financiarse públicamente a recuperación e a construcción de barcos tradicionais, ten que afrontarse a protección da cultura marítima material e inmaterial e dos seus elementos que permanece: construccións, talasonimia, xeitos de vida…
A mención que fas do fútbol -un deporte, que é o que é- non acae ó caso, porque cando se fala da cultura marítima estase a falar de identidade, aínda que, por suposto, tamén se pode mencionar a compoñente, engadida, de deporte: competir a vela nos barcos tradicionais, navegar por puro ocio, etc. Pero non confundamos.
E, por último, eu non vinculo barcos de madeira con adianto ou atraso. Nin opoño barcos de poliester a barcos de madeira. Obviamente: hoxe non podemos reivindicar que se volva á arquitectura mariñeira -os estudios,entre outros, de César Portela que recollen estas tipoloxías dan fe da imposibilidade de reivindicales-, nin podemos construir casas coas cortes no primeiro andar, ninvou a circular pola autoestrada con carros do país. Pero temos que ser conscientes da necesidade de manter e recuperar os conxuntos arquitectónicos que ainda queden. Pois no mar hai que apicar o mesmo criterio: Hai que dar a coñecer esta cultura, apreciala, mantela e, no que sexa posible, adaptala. E se falamos da competencia fibra-poliéster hai que falar de todo: Paréceme claro que unha dorna feita con cinco taboas por costado, non pode competir coas modernas construccións. pero hai xeitos actuais de construir en madeira que non teñen nada que envexar á construcción en poliéster, nin siquera no que respecta ó mantemento que é o gran mito do poliéster.
E, por último, o tema da xente que ten cartos ¿¿¿¿???? é recorrente. Xa se sabe, históricamente, a tendencia galega -por exemplo no idioma- a equiparar clases sociais económicamente fortes con rexeitamento do noso: ¿Ou acaso non é certo que tantísimos galego falantes desde o berce, en canto se sentan nunha oficina, falan castelán?. Pois aquí ocorre, exactamente, o mesmo: Considérase máis “fino” ter un barco de poliéster e non hai explicacións máis fondas, non sendo a de que non fumos capaces de desenvolver unha industria que se amose orgullosa do noso. Rodman -que parece unha denominación inglesa-, Starfisher -que é denominación inglesa- , etc. son exemplos do que estou a dicir: Constrúen magnificos barcos en serie pero alleos á tradición. Non hai unha industrai coma a catalana, ou mallorquí -tantas veces nomeadas neste foro-que aposten por renovar a nosa tradición. E, por todo eso, é imprescindible a aportación da Administración pública cunha actuación decidida de recuperación desta parte da nosa cultura, ou, dito doutro xeito, como unha maneira de recuperar o noso ser, o noso espacio.
Teño familia en Holanda e fun alí unhas cantas veces, a derradeira o pasado agosto.
Cada vez que vou, volvo maravillado e cunhas gañas terribles de saír ó mar…! Pero maravillado non só no aspecto mariñeiro senón, en xeral, de como está de coidado aquel país (e, coma sempre, as comparacións co que coñecemos son inevitables)
Non creo que só sexa problema de cartos porque, segundo me contan amigos que teño alá, o soldo medio si é algo máis alto (en torno ós 1500.-€) pero a cantidade de impostos é impresionante. Ter un coche en Amsterdam é un auténtico luxo…
O que penso que si inflúe é a fonda tradición mariñeira e, sobre todo, a xenerosa xeografía que teñen, onde a auga chega a todos os recunchos. Algunha xente incluso pode ter o luxo de ter a súa embarcación amarrada á porta da casa. (senón botádelle unha ollada ó google earth…)
Eu, que vivo preto da costa pero non na costa, teño unha lanchiña porque me encanta o mar e dende pequeno quixen ter unha. Pero o normal aquí é que só a xente da costa teña a súa embarcación para traballar ou lecer, os coñecementos para navegar e as gañas de facelo… Depois están os que, non sendo da beiramar, se poden permitir o capricho de ter o seu barco.
Admitámolo: aquí a náutica segue sendo unha actividade pouco xeneralizada, por pouca tradición e, en xeral, polo cara que resulta : o precio dos barcos (novos ou de 2ª man) é alto, despois o seu mantemento, os amarres escasos, os repostos caros e difíciles de conseguir, terse que desprazar á costa polas pésimas estradas que temos… Todo inflúe!
Por outra banda: as embarcacións tradicionais. “Mellorando o presente”, quen se anima a restaurar/construír e manter unha aquí en Galicia? Por non falar de atopar unha en condicións para restaurar… (Eu énchome de rabia cada vez que vexo un pesqueiro de madeira pasado pola motoserra… e quen me dera poder recuperar un pequeno para dedicalo a lecer). Haino que levar dentro ou estar vencellado a iso e aquí, mentres o cambio climático non faga que suba máis o nivel do mar, moitos imos a ter que seguir facendo km para chegar ó noso porto…
Saúdos!
Relendo as anteriores respostas con máis calma…
Creo que, cando as cousas non funcionan, temos sempre a “manía” de recurrir a botarlle a culpa á administración. Certo que parte de culpa ten, non só pola falta de fomento de actividades minoritarias senón tamén por pór demasiadas trabas burocráticas a aqueles poucos que teñen a iniciativa de levalas a cabo. E non me estou a referir só á náutica. Poderíamos falar de coches clásicos, clubes deportivos, asociacións musicais, xentes que se dedican a recuperar o patrimonio de calquera tipo…
Pero o que máis se bota en falta é, precisamente, que haxa ese tipo de xente que decida invertir o seu tempo, cartos e ilusión en facer cousas deste tipo.
Hai moita desidia neste aspecto, e iso non podemos negar que ten unha causa cultural… (Tamén hai que dicir que os galegos non levamos moi ben o tema do asociacionismo…)
E penso que non ten por que significar maior ou menor atraso duns países respecto doutros: é falta de implantación que, espero, se vaia solucionando co tempo a medida que o traballo duns vaia facilitando o futuro traballo doutros. O que está claro é que as administracións deben axudar, pero moitas veces a culpa de que este tipo de cousas non funcionen non é dela, precisamente…
Por outra banda, na materia que nos ocupa, eu non centraría o problema da náutica de recreo en barcos de poliéster vs. barcos de madeira, senón no fomento da náutica de recreo: simplemente, que a xente saia a navegar, que unha cousa xa levará á outra…
queixera facer unha pequena reflexión ao caso doq ue se ven falando.
Estou de acordo con que o asociacionismo non é ningunha maravilla, pero as asociacións funcionan (en termos xerais)ben sexa por unha masa social reducida, ou sexa pola vontade dos directivos, pero estane a facer cousas. Falo con conocemento de causa.
Cando na Ría de Arousa se fai unha regata de dornas e se xuntan 50 dornas é que si que funcionan as cousas, ainda que non sexa ao nivel desexado.
En canto ao apoio das administracións, sexamos realistas: os barcos que son propiedade das asociacións están pagados e “casi mantidos” con cartos de subvencións, esto non quer decir que vaias alí e che dean a pasta, que todo hai que traballalo.
Desde o meu punto de vista o tema de que a xente non se decante por construccións acctuais de embarcións tradicionais por varios motivos:
– o prezo, xa que son construccións moi específicas ao non facerse en serie nin con sequere determinada frecuencia.
– O mantemento: manter unha embarcación tradicional de madeira é traballoso, require coñecementos…
– as embarcacións tradicionais requiren adaptacións para ofrecer determinados aspectos de confortailidade.
– o custe xeral: é indubidable que a nautica é un estilo de vida, un mileurista teno jodidísimo se pretende ter unha embarcación de determinado porte: custe de mantementos, amarres, velas, seguros, accesorios…
Son moitas as circunstancias que rodean este debate que desde logo daría para unha mesa redonda de moitas horas, pero é preciso ter moi en conta a experiencia dos que coidan, navegan, xestionan asociación, organizan eventos relacionados, que teñen moito que decir, contan con unha experiencia que so se adquire de un xeito, e esas persoas teñen as claves para logo desarrollar as posibles medidas que as administracións subvencionará baixo nomes rimbonbantes, mentras os das dornas seguimos igual capeando, e facendo oq ue se pode por levar todo este mundo a TODA a sociedade, porque é imprescindible que a xente os pobos coñezan o que hai para logor poder mantelo.
E outra cuestión máis: Vese tamén na páxina de reenvío a cantidade de industrias que expoñen -asteleiros, fabricantes de complementos e pezas, etc- relacionados co mundo das embarcacións de feitura tradicional. Por suposto: en Galicia temos unha flota actual de barcos de madeira a traballar profesionalmente -pesca de baixura, cultivos mariños- pero non temos actividade industrial referida ás embarcacións tradicionais encamiñadas ó lecer. E as carpintarías de ribeira non teñen, unha por unha, ailladas, o capital ou impulso necesario para botarse a facer unha embarcación de lecer tipo. Se cadra non estaría mal unha cooperativización -ou a constitución dunha sociedade común- para tentar acadar o capital necesario para a “posta en valor” desa idea e situarse no mercado actual de lecer cunn barco tradicional. Estou seguro de que máis tarde ou máis cedo chegarán a esa conclusión e teráno que facer, aínda que fracasen no intento. Que non fracasarán se hai planificación e axuda polo medio, porque non está de máis lembrar que , ata dende a UE, hai axudas para a construcción naval e aquí a excepcionalidade da situación e o perigo que está a correr o sector xustificarían, sen dúbida, a existencia de axudas á construcción de prototipos de lecer inspirados na nosa tradición.
Eu vexo positivo que se coordinen, e non vexo imposible que se chegue a facer algo.
Hai portos com os de Celeiro que van para arriba gracias, entre outras cousas, a que saben traballar xuntos nas cousas que afectan a todos.
Non está escrito que os galegos non poidan xuntarse para algo.
Hai moitas empresas, pero falta que se vexa a sua actividade en conxunto, que saiban proxectarse na sociedade, e sobre todo no mercado, e non so no galego.
Tes razón no abandono das administracións públicas. Os despachos burocráticos de San Caetano nunca serán sensibles para a cultura marítima, a non ser que algún dos nosos toque poder, que nono parece porque aínda se ten a falsa visión de que é un movemento minoritario e residual. Os mundos queren camiñar, e é un erro, cara á cultura uniforme do poliester e dos barcos de deseño standard e maiormente anglosaxón. É precisa a revolución da concienciación da nosa riqueza própria. Non hai unha política sistemática da administración pública de conservación e desenvolvemento da cultura marítima, material e inmaterial.
Por certo nesta páxina vese o manifest que fan os de Esteiro. Ese é o camiño. pero unha vez máis está nas mans voluntariosas, e intelectualemten capacitadas, das asociacións locais. pero falta o pulo da Administración que tería que ir nese sentido e non se ve nadiña.
Varia:
-A Administración Pública non se pode seguir a concebir coma un ente alleo a nós e distribuidor de “favores”, que tamén se lle chama subvencións. Unha subvención é un dereito, non unha concesión de gracia.
-A Administración Pública ten que funcionar coma de motor da sociedade a que tén que servir. Porque a Administración Pública é para a sociedade e non a sociedade para a Administración. POrque sigue a haber unha especie de medo reverencial á Administración cando é ela a que nos ten que servir. E digo servir, así. Sí: servir á sociedade. Criadiña da sociedade. E calquera outra concepción da Administración Pública estará,seguramente, errada.
-A Administración Pública non está a cumplir ningún obxectivo no sector da cultura marítima e só, de cando en vez, actúa pero faino dun xeito asistemático. O exemplo é Brest; se non for a Adm. Púb. posiblemente non estaría alí Galicia. Pode que non. Pero a cuestión é: aproveitou Brest á nosa cultura marítima ou planificouse coma un espello de autocomplacencia da Administración? Ou a Adm.Pública está a utilziar ó movemento da cultura marítima porque lle sae moi barato?
-Os cartos da Adm. Pública. son públicos e como ben di a denominación de seu a Adm.Pública só administra o de todos.
-E última por hoxe: A canle está no Manifesto dos de Esteiro. Eu son recén chegado ás Asociacións, non ó mundo da cultura marítima, e non me atrevo a intervir na estratexia das Asociacións porque, polo que estou a ver, posiblemente as persoas máis cualificadas do ámbito delas, estean nestas Asociacións. Pero paréceme, por exemplo, que o traballo, o Manifesto, dos de Esteiro, que recolle e sintetiza as aportacións da maioría dos “precursores” é un bo camiño. Aí temos un “programa” de traballo. Cando as forzas políticas sexan capaces de introducir estes obxectivos na Administración Pública e que ésta os asuma como obxectivos de seu, a través de organismos, como pode ser un “Patrimonio Naval e Mariño”, e haixa unha actividade sistemática da Administración, entón, nese momento futuro, as Asociacións poderán falar de rexeitar subvencións. Mentres tanto un traballo básico é concienciar á Administración porque ésta é o instrumento do poder. Do poder en sí e de poder levar a cabo a difusión e o coñecemento da cultura marítima.
-Tampouco quero deixar de insistir en que me parece que a actividade de ocio e o deporte (traíñas, dornas) é unha das mil caras da cultura marítima.
Antes de nada corrixir un erro, Holanda ten catro veces a poboación de Galicia.
Estan saindo cuestións moi interesantes e desde logo que darían para falar moito, pero este local non pecha así que imos avante.
O orgullo, esta palabra sae moitas veces, e a pregunta que hai que facer é se en Holanda, Noruega, Inglaterra o orgullo pinta algo no estado da sua cultura maritima. Eu sinceramente teño as miñas dúbidas, porque hai paises moi “orgullosos” que se queixan coma nos, por exemplo Cataluña.
Nautica, a secas, outro tema complicado, por qué a nautica en España e sobre todo en Galicia non ten a vida de Italia ou Francia? por ser cara? por politicas erradas? por falta de cultura mariñeira? Non sei pero creo que non é so unha cuestión monetaria.
Administración, a que se lle fan rogativas para todo. Pode facelo mellor? seguro, está dificultando o avance? algo seguro que tamén, ten iniciativa? creo que non, Debería ter inicitiva? aquí a cousa complícase, eu creo que a iniciativa corresponde á sociedade civil, que adminstración está para traballar para a sociedade civil, non para decirlle o que lle debe gustar. Temos que movilizala, non esperar que se mova. Aquí podemos facer moito mais do feito ata agora.
Brest, naceu dun traballo da sociedade civil, sustentase no traballo da sociedade civil, co indispensable apoio económico/organizativo/politico da administración, pero si a FGCMF arriase en banda que tería pasado?.
Que o componente mediatico puido prevalecer, é posible, pero son os tempos que nos tocan vivir, pensade nos medallistas da clase tornado, antes das olimpiadas quen sabía que eran campions do mundo?
Asociacionismo. todos sabemos que é mellorable, pero calquera pode poñer exemplos de asociacionismo efectivo. O mundo do mar ten mala fama neste campo, eu creo que inmerecida, a pesar de todos os conflictos. Parece como se o foco sempre se puxese nos casos fallidos, nunca nos casos en que funciona, e moi ben.
Programa electoral, totalmente de acordo, hai que facelo antes das elecións, e buscar o compromiso público dos partidos. E logo demandar que se cumpra, e denunciar a quen non cumpre, hai que chamarlle as cousas polo nome.
A min pareceme que nos estamos centrando excesivamente nas embarcacións tradicionais, e esquecemos aos homes e mulleres que están hoxe en dia a crear/manter a cultura marítima galega, os que están embarcados ao peixe espada, os que están nas Malvinas, aos que andan ás navallas, os que pescan sardiña, os que nos talleres reparan motores de barco, os camioneiros que moven o peixe, aos que invirten moita vida defendendo os dereitos dos traballadores do mar, aos biólogos que embarcados ou en terra investigan, os que muestrean os poligonos para asegurar a calidade dos mexillons, os que enlatan ou conxelan, etc.
De que vale pedir mais axuda para galeóns se non se sabe nada da xente que sae cada mañán de Cambados, o Grove, Cedeira. Se a xente valora o mar chegará a valoración dos galeóns.