No serán do pasado mércores quedou configurado o Comité Organizador do XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se vai celebrar entre os días 11 e 14 do próximo mes de xullo no porto do Freixo, concello de Outes.
Nas instalacións do novo Centro Náutico do Freixo, que en diante será a base de operacións dos organizadores, reuníronse cos directivos da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) as organizacións e persoas que van poñer en marcha o programa de actividades do XI Encontro.
A presidencia do Comité recaeu en Xesús Mato, membro da asociación concesionaria do evento, Terra de Outes. O presidente da FGCMF, Víctor Fernández, e o alcalde de Outes, Carlos López Crespo, ocuparán senllas vicepresidencias.
Asociados de Terra de Outes e doutras asociacións outenses e da bisbarra, así como do colectivo mariñeiro e da asociación veciñal O Peirao do Freixo, integráronse nas distintas comisións en que se reparten os traballos de organización e programación do evento, que acollerá a presenza dunhas cento cincuenta embarcacións tradicionais, preto dun milleiro de tripulantes e miles de visitantes chegados de toda Galicia e doutras comunidades peninsulares e europeas.
Tamén se decidiu, coa finalidade de celebrar a gran festa do patrimonio marítimo de Galicia coa dignidade que merece, recadar colaboración e axudas da admistración provincial e de distintos departamentos da Xunta de Galicia, e lanzar ao mesmo tempo un programa de captación dun cento de voluntarios que boten unha man na preparación e realización desta celebración de carácter itinerante e bianual.
Asemade, tomouse a decisión de preparar un amplo programa sobre a carpintaría de ribeira en madeira (exposición, conferencias e debates, percorrido polos estaleiros locais) en colaboración coas empresas locais e coa Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira (AGALCARI), que rematará nun acto de recoñecemento e homenaxe aos vellos carpinteiros de ribeira en madeira.
Pola súa banda, a FGCMF encargarase de organizar os actos para festexar o vixésimo aniversario da creación do Encontro e da propia Federación, dobre conmemoración que converterá este XI Encontro do Freixo nunha edición senlleira e especial.