Conservación da vela do Joven Lolita

Culturmar acometeu recentemente os traballos de conservación da que fora a vela do racú Joven Lolita. Esta labor de recuperación do patrimonio mariñeiro foi posible grazas á doazón por parte de Eduardo Parada e ao bo facer de Ramón Albert, do Taller de Velería de Vilagarcía.

A actuación foi financiada grazas á inestimable colaboración da Deputación de Pontevedra a través do seu programa de axudas para o mantimento das embarcacións tradicionais galegas.

A continuación reproducimos a explicación de Manolo Parada sobre a peza. Este texto forma parte da investigación que Manolo e Eduardo Parada están a levar a cabo sobre a vela.

Introducción

O Joven Lolita foi un racú de 8m de eslora, construido no ano 1950, que dispoñía para navegar dun motor de gasolina e unha vela; xa que os motores de gasolina no mar nesa época non eran de fiar.

Foi ao cambiar este motor por un de gasoil, cando a vela quedou en terra para tapar aparellos como utilidade única, o que por sorte favoreceu que esta chegara a actualidade.

A vela

Trátase dunha vela latina de martelo, feita con pano de cotonilla, armada a man de xeito tradicional, con cordelería, relingas e demáis, de cánabo. Coas costuras nas relingas feitas ao modo empalomado, con relinga de armar ensortellada no barlovento. Con tres faixas de rises e coas súas
correspondentes poias na relinga de barlovento e os calos feitos con una coca na de sotavento.

O apuño de amura e as dúas primeiras poias van reforzadas con gardacabos de bronce. O pano tamén vai reforzado nos catro apuños e até sobrepasar a terceira faixa de rises, tanto na amura como na escota, ademáis van envividas unhas costuras verticais para reforzar o pano.

Destacamos desta vela de 70 anos o traballo manual ben feito, o que demostra as habilidades e destreza dos mestres veleiros e armadores que adicaban moitas horas de traballo á confección e arranxo das velas, posto que eran a propulsión principal dos barcos e, polo tanto, parte
fundamental da seguridade no mar e a eficacia para poder chegar os primeiros á venda, ou canto antes aos portos de arribada.