Galicia terá representación propia na segunda edición do Festival Marítimo de Pasaia, que se levará a cabo nesta vila guipuscoana entre os días 26 e 29 deste mes de maio. A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) é a encargada de organizar esta expedición, integrada por embarcacións tradicionais das distintas tipoloxías galegas. A delegación galega estará formada por dez embarcacións e unhas 70 persoas, entre tripulantes e persoal da organización. Dornas, volanteiros, bucetas e botes ultiman os seus preparativos para participar no acontecemento marítimo cultural de carácter internacional máis importante da costa vasca e converter a enseada de Pasaia nun auténtico espectáculo.
A delegación galega encargarase de dar a coñecer en Euskadi a riqueza e a diversidade da cultura tradicional de Galicia máis ligada ao mar e aos ríos. Máis concretamente, nesta edición, os galegos centrarán os seus esforzos en explicar as distintas tipoloxías das nosas embarcacións.
Até Pasaia mobilizaranse sete dos colectivos pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo e fluvial integrados en Culturmar. O obxectivo da delegación galega vai máis aló da exhibición da flota e a navegación. Trátase de ofrecer ao público unha visión global da riqueza sociocultural e etnográfica de Galicia.
A Asociación Cultural Deportiva Dorna da Illa de Arousa é o colectivo que máis barcos levará até Pasaia: ‘Roxiña’ (dorna), ‘Nova Maruxa’ (dorna de tope) e ‘Zenaida’ (dorna polbeira). Ademais, a Asociación de Amigos da Dorna Meca (O Grove) estará presente con dúas embarcacións: ‘Irmandiña’ (dorna meca) e ‘Laxe de Boibas’ (dorna de tope). Pola súa banda, a Asociación de Embarcacións Tradicionais Piueiro (A Guarda) viaxará até Guipuscoa co barco volanteiro do mesmo nome. A buceta ‘Mar de Muros’, da Asociación Cultural Mar de Muros, tamén estará na enseada de Pasaia. A Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas (Vigo) levará a dorna polbeira ‘Madorniña’. A Asociación Cultural Terra de Outes desprazará o bote de Noia ‘Langaño’. Por último, a Asociación Lajareu de Ribeira levará até Pasaia a dorna polbeira ‘Auxiliar da Goleta Evangelina’. Todas estas embarcacións viaxarán por estrada ata Euskadi excepto o ‘Piueiro’ e a ‘Irmandiña’, que farán a travesía por mar.
Esta nutrida participación será posible grazas ao financiamento da Consellaría do Mar.
Invitados de honra en 2018
O Festival Marítimo de Pasaia é unha festa creada en 2018 a semellanza do Encontro de Embarcacións Tradicionais que Culturmar organiza bianualmente dende hai xa case 30 anos. En 2020, anulouse a súa celebración pola pandemia da COVID-19. A primeira edición do festival de Pasaia tivo a Galicia como invitada de honra. Naquela ocasión, foron 20 as embarcacións mariñas e dúas fluviais que viaxaron até Euskaki.