Onte deixounos o noso amigo Staffan Mörling.
O seu nome encerra nuns poucos caracteres un sinfÍn de páxinas escritas sobre a cultura e o patrimonio marítimo galego durante máis de medio século.
Con Staffan, Galiza deixou de estar no cabo do mundo para estar no centro do mar, as dornas deixaron de ser os barcos dos pobres para converterse nun símbolo do noso país á proa do resto da flota tradicional, e Ons deixou de ser unha illa remota e hostil para transformarse nun lugar onde descubrir a felicidade.O fillo que atopou o seu acubillo en Beluso, erixido en capital simbólica de todo o noso litoral, foi tamén o pai que deixou as nosas rías e abras salpicadas de velas e barcos, abrindo a cultura e o saber da navegación tradicional a todo o país, e debuxando unha estampa que hoxe é carta de presentación de Galiza en Europa e no mundo.
Amigo Staffan, foi un orgullo e un privilexio contar contigo na tripulación do noso barco. De seguro, os ventos que inchan as nosas velas sempre che serán favorables.
Ata sempre compañeiro Staffan.