Entrega dos Premios da Cultura Galega 2015

Onte lúns unha nutrida representación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial estivo presente na entrega dos Premios da Cultura Galega 2015 onde a Federación foi premiada no apartado Patrimonio Cultural. Moitos compañeiros non puideron asistir pero na foto hai representación do norte, das rías e de Portugal, xunto con algunhas persoas que levan moitos anos achegando o seu traballo de forma desinteresada á Federación.

O Premio foi recollido por Manolo Sendón, o noso presidente, quen despois de decir que este é un premio colectivo, ao traballo de moitas persoas en 22 anos de continua laboura, manifestou o desexo de todas as asociacións da Federación: un marco legal para as embarcacións tradicionais e unhas mariñas onde os barcos poidan ser coñecidos, apreciados e desfrutados por toda a sociedade. Este vídeo gravado por Juan, de Sueste, recolle o momento da entrega do premio e a intervención de Manolo Sendón.

Este é o texto da intervención:

Intervención de Culturmar-FGCMF no acto de entrega dos Premios Cultura
Galega 2015, na modalidade de Patrimonio.

Autoridades, amigas, amigos: boa tarde.

Ao xurado, grazas por dar avistado o noso ronsel.

1. Recollemos este agasallo en nome de cantas persoas contribuíron e contribúen, de
maneira altruísta, á salvagarda do patrimonio do mar e dos ríos de Galicia: o pequeno
grupo pioneiro que empezou a andaina e as persoas que, en remuda constante, deron
e dan vida á Federación e aos máis de 40 colectivos.

Pero pouco fariamos sen a colaboración do voluntariado e as entidades privadas e
públicas que posibilitan os eventos máis masivos, e sen a memoria viva e o saber das
xentes do mar e dos ríos, as comunidades mariñeiras, os carpinteiros de ribeira e
tantos oficios, hoxe aburados de dificultades.

E compartímolo cos camaradas portugueses que nos acompañan desde a primeiría e
cos demais compañeiros de faena peninsulares e europeos: navegan connosco nas
nosas rías, achegamos embaixadas de noso aos seus portos.

2. Somos unha tripulación que acredita en que Galicia, froito da relación permanente
da xente co mar e cos ríos, foi forxando ao longo da historia unha riquísima e singular
cultura que conforma, de xeito determinante, a obra viva e a obra morta da nosa
maneira de ser e de estarmos no mundo. Que ese tesouro de bens materiais e
inmateriais, e o seu medio natural, non podemos estragalo. E que consideramos un
deber legar aos nosos herdeiros unha cultura marítima e fluvial viva e sostible.

Nesa travesía achegamos o noso quiñón, facemos flamexar as velas para seducir e
espertar a mesma querenza na veciñanza e pulamos por que a Administración adopte
un marco propicio para recoñecer, regular e posibilitar o uso e a posta en valor destes
bens, un fértil recurso cheo de posibilidades.

Neste sentido, queremos lembrar que a flota tradicional galega agarda ansiosa o seu
recoñecemento oficial como ben patrimonial, e que o seu destino non pode ser a
morte nas rotondas, senón unha vida digna nos portos: as mariñas tradicionais,
necesarias para o uso das embarcacións, a práctica da navegación tradicional entre a
xente máis nova e a exhibición pública da fasquía de dornas, gamelas, xeiteiras,
traiñeiras, pataches, patexeiros, racús, galeóns… e tantas outras tipoloxías.

3. Remato xa con dous mandados inescusables das nosas asociacións:
Sabede que non imos arriar velas: seguiremos navegando, con ventos favorables ou
capeando nortadas e vendavais: temos rexos patróns e experimentadas patroas.

E que saibades tamén que as embarcacións tradicionais que nós nos esforzamos en
recuperar e custodiar son un ben colectivo a disposición de todo o mundo; de maneira
que, mirade por onde, tedes barco. Subide a bordo, e gozade da navegación a vela nos
barcos dos nosos devanceiros.

Moitas grazas e venturosa travesía.
 
 

A noticia nos medios:

La voz de Galicia
Radio Obradoiro

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.