O sábado 20 de abril celebrouse no Centro Social de Cabo de Cruz (Boiro) a segunda edición das xornadas para formadores en navegación tradicional ‘Patroneando no futuro’. Nesta ocasión, favoreceuse o debate e compartíronse as boas prácticas que poden ser modeladas e aproveitadas por distintos colectivos, utilizando as experiencias existentes e favorecendo a súa adaptación, de xeito que os esforzos de cada colectivo poidan ser emulados e mellorados por outros.
A xornada arrancou cunha sesión sobre ‘Estilos e metodoloxías de aprendizaxe’ impartirda pola psicóloga e formadora Paula Tubío, quen fixo fincapé na necesidade de que, nunha formación, os máis pequenos poidan “ver, tocar e oír” para aprender e animarse a practicar. Tubío considera que se a formación implica lecer, “ten que ser satisfactoria” para que non conduza á frustración. É imprescindible coñecer os recursos dos que se dispón (aparellos, barcos, mestres,…) para saber as actividades que se poden realizar: charlas, exposicións, xogos, lecturas, prácticas de navegación,…
A segunda sesión correu a cargo de Alberto García, técnico de Cultura do Concello de Boiro, quen falou da ‘Dinamización de colectivos culturais’, centrándose na importancia de centrarse nos valores de calquera actividade e intentar conectar con outros valores afíns coa finalidade de facer alianzas e crear comunidade. García destacou a necesidade de conectar o tradicional do contemporáneo para atraer ao público máis novo.
A xornada da mañá rematou con dúas mesas de debate. A primera delas para tratar as ‘Experiencias e retos na formación en vela tradicional’. Dane García, da Escola de Navegación Tradicional ACD Dorna da Illa de Arousa, comentou a importancia de traballar para intentar mellorar o xeito que teñen os diferentes colectivos de acoller á xente que se achega para participar. “Se a xente non o pasa ben, non volve”, apuntou. Ademais, lembrou que é a administración quen debe poñer en valor “o noso patrimonio e as actividades que desenvolvemos”. Pola súa banda, Belén Vidal, da Asociación Mar de Muros, quixo destacar a dificultade que moitas asociacións teñen á hora de ensinar e acoller novos socios debido aos escasos recursos, principalmente, humanos, dos que dispoñen. Uxío Allo, tamén da Illa, apuntou que as persoas que na actualidade ensinan navegación tradicional “xa non somos mariñeiros” en activo en relación á merma da calidade dalgúns formadores, xa que “non sempre ten dispoñibilidade e non están remunerados”.
A segunda mesa de debate tratou dos ‘Proxectos de escola de navegación tradicional en activo”. Nesta ocasión, a representante de Mar de Muros puntualizou que neste tipo de actividades “todo o mundo aprende e todo o mundo ensina”. Pola súa banda, Eduardo Parada, presidente da Asociación Amigos da Dorna Meca, explicou que moitos colectivos non teñen profesionais que impartan os cursos durante a semana por falta de recursos, o que obriga a recorrer aos xubilados. O tamén socio da Dorna Meca Manolo Parada considera que as actividades das escolas de navegación non deben estar enfocadas unicamente a navegar, senón tamén a “ser mariñeiro”. As persoas que asisten deberan saber como funciona un barco, como fondear, saber remar, atracar ou saír dunha situación comprometida. Tamén participou na mesa redonda Maruxa Núñez, da Escola de Navegación Tradicional da Illa de Arousa, quen explicou que moitas veces os colectivos teñen barcos suficientes, “pero faltan patróns”. Tamén falou de que as asociacións, en moitas ocasións, “vense moi herméticas desde fóra”. Eva Triñanes, da Asociación A Gamela de Cabo de Cruz, anfitrioa da xornada, falou da necesidade de conectar os cursos de navegación tradicional con outras actividades de mar, como a vela lixeira ou a vela deportiva.
A xornada continuou pola tarde coa exposición de tres proxectos. O primeiro foi o ‘Estaleiro de Ciprión’, da Asociación Terra de Outes. Dous dos seus compoñentes, Xesús Mato e Alberto Martínez, lembraron que no Freixo había máis de 40 asteleiros no século XX. Na actualidade, só quedan tres. Explicaron tamén que este colectivo de outes ten catro obxectivos, que son a construción dun bote Sancosmeiro, a construción dunha mariña tradicional, a organización dun curso de carpintaría de ribeira e a recompilación da documentación videográfica.
Posteriormente, o presidente da Asociación Os Patexeiros explicou o proxecto de ‘Creación dun museo a frote en Sada” para que as embarcacións tradicionais puideran estar a resgardo no inverno. Miguel Martínez explicou polo miúdo todos os atrancos que dende hai ano tiveron que ir sorteando para que este ‘museo’ poida ser realidade algún día.
O último dos proxectos presentado foi ‘O caso de Cesenático’, unha vila italiana bañada polo mar Adriántico. Paio Piñeiro, representante de Culturmar no European Maritime Heritage, falou deste proxecto como exemplo de perfecta integración entre un museo, o Museo della Marineria, a cidade (Cesenático) e os mariñeiros locais. Paio Piñeiro subliñou que se trata dunha colaboración na que saen gañando todos. Por unha banda, o Museo recupera unha zona deprimida, a administración local arranxa un problema social e a cidadanía recupera unha zona para a cidadanía. A colaboración dos mariñeiros co museo permite que este dispoña de barcos e de xente encargada de sacalos a navegar. A cambio, os mariñeiros teñen atraque gratuíto e danlle axudas para a conservación das embarcacións. E o máis importante, “a cultura sae gañando coa interacción, mantense vive e permítese a transmisión dos saberes”, conclúe.