Este é o texto da intervención de Dionisio Pereira, primeiro presidente da FGCMF, na homenaxe a Manuel Lopes, dentro dos actos do XX aniversario da lancha poveira do alto Fé em Deus:
Non é moi coñecido pero, se cadra, hoxe é unha boa oportunidade para lembralo e incorporalo á nosa memoria colectiva, a dos galegos e galegas e a dos poveiros e poveiras: a primeira intervención pública da Federación Galega pola Cultura Marítima (aínda non se lle tiña incorporado a faciana Fluvial), non foi na Galiza, senón que foi precisamente eiquí, na Póvoa de Varzim, o 8 de Xullo do ano 1994, con ocasión do Colóquio “Património Marítimo que futuro?” celebrado na Casa de Cultura desta localidade. Daquela, este que vos fala, como primeiro Presidente da Federación Galega, compartiu tribuna co antropólogo sueco-galaico Staffan Mörling, co Presidente da Cámara de Póvoa de Varzim naquela altura e cos nosos benqueridos o arquitecto e historiador naval Octávio Lixa Filgueiras e Manuel Lopes, nese tempo director da Biblioteca Municipal “Rocha Peixoto” e do Museu Municipal de Etnografia e História.
Aquela, porén, non foi unha ocasión illada, senón que formou parte dos múltiples contactos que os poveiros e os galegos amantes da cultura o do patrimonio marítimo, mantivemos xa dende finais dos anos 80 do século pasado. Na Galiza, coñeciamos ben a obra do tamén malogrado Octávio Lixa Filgueiras e de maneira moi particular o seu espléndido traballo sobre “O Barco Poveiro”; tamén lle facíamos un puntual seguimento ao Proxecto de construción da lancha poveira, posto que, nas nosas visitas á Biblioteca “Rocha Peixoto” e ao Museu Municipal, recibíamos da man de Manuel Lopes aqueles entusiastas boletíns mensuais titulados “Notícias da Lancha”. Despois, xa no verán do ano 1993, a participación da “Fé em Deus” no Iº Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado no porto arousán de Santa Uxía de Ribeira, maravillou a todo o mundo quer pola beleza e fidelidade da súa fasquía, quer pola impactante recuperación das vellas técnicas de navegación. E non hai que dicir que, dende aquela, a presenza nas augas galegas da lancha poveira e do seu arrais Manuel Lopes, foi reclamada unha e outra vez, até o día de hoxe.
O motivo do noso fondo interese polo que acontecía na Póvoa co Proxecto da Lancha e coas actividades que por eiquí se levaban a cabo para salvagardar a súa particular identidade mariñeira, non era outro que aprender dos principios que alumeaban estes traballos impulsados polo coñecemento e polo esforzo dos admirados Manuel Lopes e Octávio Lixa Filgueiras. Uns principios e uns valores que, compre dicilo agora coa perspectiva que nos da o tempo pasado e o triste feito de que Manuel e Octávio xa non estean connosco, influíron de maneira notoria tanto no proceso de conformación e desenvolvemento da nosa Federación, como na definición da súa propia identidade.
Cabería salientar, pois, que Octávio Lixa achegóunos non só o seu rigor científico e a súa inmensa sabedoría á hora de documentar e investigar os barcos tradicionais, mais tamén o seu convencemento de que, no mar sen fronteiras, veuse tecendo entre Galiza e o Norte de Portugal unha unidade cultural, cuxas pegadas perduran na presenza ou na lembranza dalgunhas embarcacións de tipoloxía compartida, como as lanchas volanteiras de Póvoa de Varzim e do Porto do Son; dos carochos minhotos de Lanhelas e Goián; das masseiras de Áncora e das catraias de Esposende, xemelgas dos botes angarelleiros e das gamelas guardesas. No mesmo derroteiro, de Manuel Lopes recollimos a súa paixón e rexa vontade por conservar, recuperar e socializar o legado do mar para incorporalo ao imaxinario colectivo das populacións, convertidas estas en protagonistas colectivas quer das angueiras recuperadoras, quer dos novos usos aplicados aos distintos bens patrimoniais postos a disposición de toda cidadanía.
Defensa da utilidade pública e do carácter tanto popular como voluntarista do movemento a prol da cultura marítima; valoración do traballo ben feito no tocante á documentación, rehabilitación e construción de réplicas das embarcacións de interese patrimonial; atención aos múltiples vínculos que enfeitan e unen na diversidade ambas beiras do Minho. Velaí o legado de Manuel Lopes e Octávio Lixa Filgueiras á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e a todos os galegos e galegas.
Por iso, Manuel e Octávio forman parte da nosa historia e nos acompañan en cada paso que damos. E tamén por iso, na medida en que actuemos e sexamos consecuentes coa nosa raigame e cos nosos sinais de identidade máis queridos e máis distintivos, Manuel Lopes e Octávio Lixa Filgueiras permanecerán vivos connosco.
“In memoriam”. Na súa memoria.