Meirande. Centro de interpretación de Rande

O pasado sábado inaugurouse o Meirande, Centro de interpretación de Rande. Os seus contidos non só fan referencia á batalla de Rande, tamén recollen o notable valor do patrimonio industrial e historico da zona.

O Centro está instalado na Fábrica do Alemán, moi perto da ponte de Rande, moi perto de onde estaba a cadea que pechaba a Enseada de San Simón en 1702 cando a flota anglo-holandesa forzou a entrada para capturar a flota franco-española que se refuxiaba nela.

A Fábrica do Alemán é unha antiga conserveira relacionada por algúns autores co apoio aos submarinos alemáns durante a II Guerra Mundial. Pertenceu a Otto Gerdtzen Boyé, quen tamén era propietario de varias explotacións de wolfram en Galicia.

O Centro que naceu hai xa 12 anos como iniciativa dos veciños de Rande, da Asociación Deportiva e Cultural de Rande, depende do Concello de Redondela e foi financiado con fondos FEDER.

Nas magníficas fotos de Galicia Máxica pódese ter unha visión de conxunto do que ofrece o Meirande.

A entrada ao Centro é gratuita polo momento, ata que se aprobe a tasa correspondente. Está aberto na fin de semana para o público en xeral 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 h e de martes a venres de 09:30 a 14:30 h para grupos organizados. O aforo está limitado a 45 persoas.

(Imaxe Jose Manuel Rodríguez)