Santiago Llovo Taboada é o autor do libro Memoria salgada dun pobo, que acaba de editar a Deputación da Coruña. Este libro é froito de dous anos de estudo sobre a relación de Esteiro e o mar, principalmente nos últimos 200 anos.
A chegada dos fomentadores cataláns a Esteiro a finais do XVIII vai supoñer o despegue do pobo como núcleo mariñeiro. A instalación de almacéns de salga fará que arredor deles apareza unha flota de barcos de pesca (lanchas e galeóns) para aprovisionalos de sardiña, e tamén unha considerable flota mercante, que non só transportaba sardiña ao mediterráneo e sal na viaxe de volta, senón que facía viaxes ao norte de Europa e ás Antillas.
O autor dedica o primeiro apartado do libro ás orixes de Esteiro. O segundo recolle a chegada dos cataláns e os duros conflitos que se produciron nos primeiros anos do século XIX, onde se chegou a enfrontamentos armados entre os patrianos (pequenos propietarios de lanchas do xeito) e os fomentadores que pescaban con xávega, arte moi custoso e por tanto fora do alcance dos mariñeiros da zona, e que tamén posuían unha considerable flota de lanchas con persoal a soldo. O terceiro fai un repaso polos almacéns de salga e conserveiras de Esteiro ou doutros lugares pero propiedade de familias de Esteiro. Este apartado recolle moita información das dúas principais familias de orixe catalana, os Portals e os Romaní. O cuarto apartado trata da pesca, dos artes que se usaban e dos tipos de barcos empregados. O quinto apartado trata da flota mercante (polacras, bergantíns, etc.) do século XIX. O sexto da carpintería de ribeira. O sétimo das embarcacións do século XX, recollendo información de pailebotes, balandros, galeóns, motoras, etc. E o octavo trata das transformacións que sufriu a costa de Esteiro.