Abaixo podedes ver o texto Nós tamén navegar a Ítaca da autoría de Francisco Fernández Rei, e que foi publicado no número 2 de Información Obreira, de decembro de 2008.
Agradecemos ao autor que permita a difusión deste traballo.
No seu coñecido poema Ítaca, Konstandinos Kavafis dicía que na vida o importante é a viaxe; que cómpre manter sempre Ítaca na mente, porque o destino é arribar a esa illa, pero que a travesía se faga sen présas, que sexa longa e que dure moitos anos; que un se deteña en mercados e cidades para gozar e aprender; e despois dunha fermosa travesía, cando un xa velliño atraque na illa, convertido nunha persoa sabia e con moita experiencia acumulada e sen agardar que Ítaca lle ofreza riqueza, acabará por comprender o significado das Ítacas.
A comezos da década de 1990, cando a cultura marítima tradicional esmorecía e moi poucos a valorizaban, xente do Grove, Cambados, Ribeira, A Illa da Arousa, Bueu… puxéronse a recuperar barcos tradicionais e a navegar con eles, a dar conferencias e a facer exposicións sobre unha cultura marítima aínda viva. Para eses pioneiros a “Biblia” era As embarcacións tradicionais de Galicia, que en 1989 editara Staffan Mörling, o sueco radicado no Morrazo, que co seu xeneroso e constante apoio tanto contribuíu a erguer o movemento galego de recuperación dos barcos dos pobres e a súa cultura.
A paixón deses pioneiros polo mar e pola a navegación fóronnola contaxiando ós que nos últimos anos nos embarcamos na travesía de socializar e poñer en valor todo o patrimonio material e inmaterial dos mares e ríos de Galicia e norte de Portugal, que é a Ítaca da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF).
Nesa travesía atracamos o pasado xullo na Festa Marítima Internacional de Brest, a maior celebración no seu ámbito a nivel mundial, que desde 1992 se celebra cada catro anos para que conflúan e se interrelacionen xentes das máis diversas culturas marítimas. Galicia (e non España) foi convidada de honra, con Noruega, Croacia, Viet-Nam e Madagascar, ocupando o “village” galego unha posición de privilexio nos peiraos de Brest. Era a primeira vez que unha nación sen estado tiña tal honra nesas “olimpiadas” do patrimonio marítimo.
Co apoio da Consellería de Cultura e Deportes, a FGCMF levou a Bretaña máis de 90 tripulantes e 25 embarcacións tradicionais, sobre todo dornas, pero tamén ghamelas, galeóns, botes, unha lancha xeiteira… E ademais, estivo alí o vapor Hidria Segundo (o “Barco da Memoria” do verán do 2006). Tamén acudiu unha excelente embaixada musical (Leilía, Treixadura e o Orfeón Treixadura), xunto con responsables de obradoiros e unha exposición na que se mostraba o patrimonio marítimo e fluvial e a estreitísima relación dos galegos co mar. As explicacións dos paneis estaban todas en francés, bretón e galego, linguas tamén dun xornal que facía de guía da exposición.
A nivel organizativo Brest 2008 foi o maior reto da historia da FGCMF, porque nunca tantos barcos nin tanta xente se deslocaran a un evento internacional. Antes de acudir a esa vila bretoa, algunhas embarcacións e a exposición “Patrimonio do vento e do sal” feita pola Federación (e patrocinada pola Consellería de Cultura e Deportes), nos dous últimos veráns estiveron en vilas e cidades galegas da beiramar e do interior para que se puidese coñecer e tocar ese patrimonio.
Hai uns anos embarqueime nesta travesía co Grupo Etnográfico “Mascato” de Cambados e coa Cultural “Dorna” da Illa da Arousa, o que me permitiu (e me permite) gozar con xente de diversos lugares de Galicia e norte de Portugal que comparte a querencia por mares e ríos vivos, por unha cultura viva (e non de museo); e que desde hai anos inviste boa parte do seu tempo libre (ás veces o seu propio diñeiro) para dignificar esa cultura.
Cos membros do Etnográfico “Mascato” asistín á construción e á botadura de todos os números de Ardentía, a revista coa que a Federación difunde o patrimonio marítimo e fluvial da Gallaecia; e tamén participei na confección da Axenda do mar 2008. E coa Escola de Navegación Tradicional (ENT) da Cultural “Dorna” da Illa puiden ir coñecendo e gozando do mar da Arousa, achegándome en dorna polbeira preto de faros, cons e revastais con nomes que me eran familiares desde neno; e no 2004, nas augas da baía bretoa de Douarnenez, puiden navegar varios días na lancha xeiteira da Illa, sempre coa bandeira galega coa estrela vermella na popa, que algunha xente coa que nos cruzabamos non dubidaba en identificar con “La Galice”, pois isto berraban como cariñoso saúdo.
A ENT da Illa da Arousa é un dos esteos fundamentais da FGCMF e do rico movemento asociativo nela encadrado. Cada 17 de maio bota ás augas do mar arousán os seus barcos, aparellados todos ó xeito tradicional, para facer a Travesía das Letras coa que se quere honrar Manuel Antonio, Xaquín Lorenzo e os que poetizaron e estudaron o mar e as dornas. E nas tardes do verán, e ata ben entrada a primavera de outono, os patróns desa Escola –mariñeiros e bateeiros da propia Illa–, ensinan a arte tradicional de aparellar e de velear a quen estea interesado, á vez que transmiten o léxico mariñeiro desas artes que aprenderon dos vellóns patróns.
Que os ventos sexan portantes na longa travesía da FGCMF cara a Ítaca.