O futuro era inmenso… Memorias e fotografías dun tempo en Terranova. Libro


Formando parte do proxecto A Memoria do Mar, o Museo do Mar de Galicia acaba de editar o libro O futuro era inmenso…Memorias e fotografías dun tempo en Terranova.
O libro nace da colección de fotografías que José Rodríguez Vilas, “Vilas de Priegue”, fixo entre 1959 e 1963 nos bancos de Terranova onde traballaba como maquinista en barcos bacalloeiros.
A partir das fotografías Paulo Jablonski e Alberte Román mantiveron unha serie de conversas con Jose Rodríguez Vilas, nas que este fai un repaso da súa experiencia naqueles anos en Terranova.
Acompañando ás fotografías vai a transcrición desas conversas, convenientemente editada para facilitar a lectura, pero respectando a esencia do falado polo autor.
Neste texto e nestas fotos podemos facernos unha idea do que era o traballo nas parellas bacalloeiras, sen a épica con que moitas veces se adorna, pero con toda a riqueza persoal que esa experiencia significou para os que participaron nela.
É de agradecer que o autor das fotografías accedese a que se fixesen públicas e a facilitar a información necesaria para o libro, esto permite que todos disfrutemos con este libro, transmite a súa experiencia dun mundo xa desaparecido, e facilita o coñecemento da variada cultura marítima de Galicia.
Arriba podedes ver unha das fotos do libro e abaixo unha foto de José Rodríguez Vilas cos seus fillos na presentación do libro no Museo.