Emilio Ínsua publicou recentemente no seu blog “A ínsua do Ínsua” un texto no que fai un repaso da presenza do mar na literatura galega. Ínsua que é colaborador habitual en Ardentía, móstranos que a pesar do tópico o mar si que ten presenza no mundo litarario galego. Nas súas palabras: «As liñas que seguen pretenden ser, humildemente e coas inevitábeis omisións involuntarias, mapa das postas descubertas ou cartografía dunha travesía posíbel para quen quixer faenar no futuro en tan rico, produtivo, plural e apaixonante caladoiro».
No mesmo blog hai outro post moi interesante no que Emilio Ínsua estuda o poema de Xoan Manuel Pintos «Os birbirichos e os birbiricheiros» que pertence ao seu libro A Gaita Gallega (1853). Neste poema Pintos, que foi xuíz en Cambados entre 1840 e 1844, mostra a dureza da vida no seu tempo e a riqueza que o Serrido tiña xa daquela, xa que eran moitos os pobres que acudían desde moi lonxe a mariscar berberecho para poder comer.