O museo Mares de Cedeira está aberto

Nos baixos da Confraría, Cedeira xa ten o seu museo do mar. Logo de varios anos de traballo e por iniciativa de tres persoas: José Rodríguez Arribe, Vicente Rey Vilarelle e Eduardo González Villarnovo. Estas tres persoas recibiron o apoio da Confraría e das administracións, tanto do Concello como da Deputación. Desde o primeiro momento a iniciativa foi ben recibida pola xente de Cedeira, pero desde que abriu o museo son moitas as persoas que se achegan a botar unha man, sobre todo cedendo pezas. E a resposta dos visitantes foi tamén magnífica, nun mes máis de 2000 persoas pasaron por el.

O museo, que está na súa fase inicial, xa ten uns contidos moi interesantes que fan que pague a pena unha visita. A colección como é de esperar céntrase no mundo do mar de Cedeira, pero tamén ten elementos traídos desde lonxanos mares como as Filipinas. Entre outros obxectos podemos ver unha lancha de Cedeira, unha atarraia (un aparello de uso individual), exemplos da evolución da volanta (aparello moi usado pola flota cedeiresa), ferramentas dun carpinteiro de ribeira cedeirés, modelos de barcos locais, unha sección sobre a recollida de percebe a flote, dentes fósiles de Megalodón, unha excepcional colección de cunchas e crustaceos, varios motores, un deles aberto para ver o seu funcionamento, cartillas de embarque centenarias, un libro de contabilidade de venda de lagosta de 1898, etc. Pero o máis importante non é a cantidade de obxectos que ten o museo senón o coidado posto en que cada cousa estea ben exposta, creando un percorrido con sentido que fai que quen visite o museo saia con coñecementos e sensacións novas.

Parabéns ás tres persoas que con constancia e traballo conseguiron ver realizada a súa idea, tamén ás administracións que souberon apoialos, e sobre todo parabéns ao pobo de Cedeira porque agora ten un novo e non pequeno recurso turístico, pero sobre todo porque ten un novo e poderoso recurso social e cultural. Un sitio no que ir rexistrando as mudanzas que o tempo fixo e fará no traballo do mar, un punto no que poden atoparse os máis vellos e os máis novos arredor do mar, un dos piares da vida de Cedeira.

Máis información e imaxes en:

Olláparo
TVG
Novas de Cedeira
La Voz de Galicia

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.