O secadoiro de congro de Muxía en perigo de desaparecer

Desde Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, seguiuse con preocupación as novas o pasado febreiro sobre posibles sancións por parte da Consellería de Sanidade ao secadoiro de congros ao aire de Muxía. Confiando no aparente consenso da necesidade de eliminar trabas a este secadoiro non dubidamos que se acadaría unha solución razoable, pero por unha noticia publicada na prensa este 5 de xullo vimos saber que se confirma a multa de 5000 euros á empresa propietaria do secadoiro.
Se por esta multa os propietarios decidisen pechar o secadoiro non só perderían eles unha fonte de ingresos senón que todas as persoas que lle queren ao mar perderían algo moi valioso. Sería o peche do último secadoiro de congro ao aire da Península e posiblemente en toda Europa.

Sanidade parece insistir en que non hai un interese en danar este proceso produtivo, que fora de deficiencias sinaladas na inspección corrixidas na súa maioría polos propietarios, o problema é que a normativa europea permite este tipo de proceso pero amparado nunha normativa nacional que por agora non existe.

O secado de congro ao aire non está incluido na listaxe de alimentos con características tradicionais permitidas pola lexislación comunitaria, como si parecen estar sistemas semellantes do norte de Europa. A Agencia Española de Seguridad Alimentaria, a petición de Sanidade parece ser que ten solicitado hai ano e medio, a un comité de expertos un informe sobre esta forma de curar o peixe para elaborar a dita norma española. Mentras non se elabore esa norma o secadoiro non poderá producir. Ata aquí os datos que fumos coñecendo pola prensa.

Desde Culturmar sabemos do complexo que pode chegar a ser o procedemento administrativo, da lentitude da Administración reaccionando, da dificultade de que diferentes organismos colaboren de forma axil para solucionar un problema social. Pero dito isto, non é admisible que despois de ano e medio non exista a normativa para amparar un único secadoiro de congro. Non pode ser tan complicado elaborar un informe sobre un proceso produtivo que sucede nun único punto do país.

Podemos entender que ese informe require un traballo e financiamento considerables. Sabemos que hai moitos problemas dos que ocuparse e que este pode parecer pequeno, incluso insignificante. Pero non o é. Este é un problema moi importante. O que está en xogo non é so a forma de vida dunha familia, que sería motivo suficiente. O que está en xogo é ver se temos capacidade de salvagardar o que nós afirmamos é de todos: o saber facer, o sitio coas súas cabrias, as persoas, os sabores, as imaxes, en fin, todo o que vemos cando en Muxía ollamos para os secadoiros.

Nas últimas noticias en prensa vimos de saber da proposta do Concello de converter o secadoiro nun centro de interpretación do secado de congro, orientado sobre todo á demostración do proceso do peixe, pensando nos moitos visitantes que recibe a zona. Desde Culturmar consideramos que mellor iso que a desaparición completa da actividade. Pero tamén consideramos que queremos un mar vivo, activo económicamente, motor de vida por si mesmo, como o foi ata agora con todas as dificultades.

O secadoiro é importante e merece a mesma  atención ca unha igrexa románica, as fotos de Ramón Caamaño ou o Santuario da Virxe da Barca. Falta ver agora se seremos quen de facer que dure