Paga a pena investir cartos públicos no patrimonio marítimo?

Roi Durán, investigador no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, sosten que sí paga a pena na súa tese de doutoramento. A súa investigación demostra que a xente valora o patrimonio marítimo ata o punto de estar disposta a pagar 70 euros/ano por familia. Esto quere decir que hai unha rendibilidade demostrada no investimento público que se faga na protección do patrimonio marítimo xa que aumenta o benestar social. Esta é unha información valiosa que hai que ter en conta, sobre todo cando a situación económica non é moi boa e a cultura é o primeiro en desaparecer da axenda das administracións.

O estudo tamén demostra que o interese nas distintas facetas do patrimonio non é igual. A poboación ten máis interese na protección dos barrios mariñeiros, pero tamén unha preocupación por elementos inmateriais como os coñecementos de pesca artesanal.

No Faro de Vigo do pasado sábado 29 de setembro publícase unha reportaxe sobre esta investigación de Roi Durán, da que o autor xa adiantara algo na comunicación Aspectos económicos de la valoración del Patrimonio Cultural Marítimo Pesquero, presentada en xuño deste ano no XV Encuentro de Economía Aplicada en compañía de Begoña Farizo e María Xosé Vázquez Rodríguez.