O 17 de setembro tivo lugar a primeira xuntanza do equipo de PESCUM (Patrimonio Etnológico, Sociedad y Cultura Marítima). PESCUM é un proxecto de investigación I+D+i financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación (HAR2010-15 566), no que participan investigadores de Catalunya, Andalucía, País Vasco, Galicia e Quebec, coordinados dende o Instituto Catalá de Recerca en Patrimoni Cultural (ICRPC). A finalidade do proxecto, que ten unha duración de tres anos (2010-2013), é estudar o estado de desenvolvemento e as características do proceso de patrimonialización que se está a producir nos últimos anos en distintos sectores do ámbito marítimo: pesca e marisqueo, deporte e turismo náutico, institucións, asociacións e xestores de zonas litorais implicados na preservación dopatrimonio marítimo, etc.
No transcurso da primeira reunión do equipo, que se celebrou na sede do Centro de Documentació de la Pesca i el Mar (DOCUMARE) do Museu de la Pesca de Palamós (Girona), poñéronse en común as metodoloxías e os conceptos cos que se traballará durante o primeiro ano. Nesta primeira fase preténdese inventariar as iniciativas de patrimonialización do ámbito marítimo en Andalucía, Euskadi, Catalunya e Galicia, para obter unha radiografía completa da situación actual e poder proceder á segunda fase, prevista para o período 2011-2013, que consistirá na articulación dun conxunto de estudos de caso en profundidade realizados polos membros do equipo de PESCUM. Este equipo está formado por antropólogos e historiadores, ademáis dun economista, unha arquitecta e un capitán da mariña mercante, todos eles expertos en patrimonio marítimo, pertencentes a diferentes universidades, centros de investigación ou outras entidades.
Actualización: acaba de abrirse o sitio web do proxecto, nel pódese seguir os traballos que se van levar adiante e consultar materiais relacionados co patrimonio marítimo.
2 cometarios sobre “PESCUM. Patrimonio Etnológico, Sociedad y Cultura Marítima”
Comments are closed.
Pola banda de Galicia, paréceme Dionisio Pereira un dos membros do equipo. Non é?
É. O outro membro galego do equipo é o antropólogo Antonio García Allut, que non puido asistir á xuntanza. Na foto, hai outra persoa ben coñecida para os galegos e galegas amantes da cultura marítima: Juan Antonio Apraiz “Coyote”, de Bermeo e asíduo aos nosos Encontros.
Saúdos